- O Complexo Deportivo Municipal de Navia inicia este mércores, 16 de setembro, o horario de inverno e a nova programación de actividades
A piscina abrirá de luns a venres de 8:30 a 13:00 e de 15:30 a 22:00, e os sábados de 8:30 a 14:30. O ximnasio manterá horario continuo de luns a venres, de 8:30 a 22:00, e os sábados de 8:30 a 14:30. A tempada arrinca tras diversas melloras nas instalacións, entre elas a renovación da cuberta do polideportivo, cun investimento de 195.000 euros, así como a substitución de portas de emerxencia, a intervención en pontóns das piscinas e o cambio das huellas de volteo. O Concello continúa así reforzando o mantemento e a seguridade dun complexo utilizado diariamente por numerosos veciños e deportistas.
- Nova xornada de convivencia Ribadeo - Loktudi
Este luns, 14 de setembro, visitaron Mondoñedo, a Praia das Catedrais e Santa Cruz. A viaxe evocou as lecturas de Cunqueiro e as súas Crónicas do sochantre, nun percorrido que incluíu a catedral mindoniense e o barrio dos Muíños, ademais da emblemática praia de Augas Santas. Pola tarde participaron nunha exhibición de billarda grazas á estimable colaboración dos billardeiros da comarca. O martes partirán de regreso a Loktudi.
- María José Gómez asiste á ofrenda da Virxe dos Remedios
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
- Unha saída de vía deixa un home falecido en Castro de Rei
Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
- O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, asistiu este sábado en Burela á celebración do 25º aniversario do centro San Aníbal da entidade Rogacionistas, un exemplo de traballo e dedicación que os sitúa como unha referencia da protección da infancia e da adolescencia na provincia de Lugo
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
- A conselleira do Medio Rural destacou en Castro de Rei o peso do sector do ovo en Galicia, con máis de 56 millóns de ducias producidas ao ano, máis de 2 millóns de galiñas poñedoras, 90 explotacións e arredor de 70 centros de embalaxe, todo baixo estándares europeos de benestar e calidade
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
- O Centro de Formación Ocupacional de Burela acolle un curso de español para persoas estranxeiras
Este luns, 14 de setembro, deu comezo un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.