- Este venres arrincaron en Ribadeo as xornadas gastronómicas da xarda, que organiza Acisa coa colaboración da OPP do Porto de Burela
Dezaoito locais hostaleiros de Ribadeo, Rinlo e Vilaframil ofrecerán diversas preparacións ata o domingo: en escabeche, en salpicón, en empanada, ao allo, á prancha, en albóndega, etc… Todas as propostas poden consultarse nas redes sociais de Acisa Ribadeo, que agradece “unha vez máis o apoio da OPP do Porto de Burela, que nos doou 90 quilos de cabala para estas xornadas, produto que entregamos de xeito gratuíto aos locais participantes. Achegámoslles así unha parte do peixe que empregarán nesta nova cita gastronómica na que tamén colabora o Concello de Ribadeo”. Ata o porto, ao restaurante Marinero, se achegaron este venres o director territorial da Consellería de Mar, Alexandre Piñeiro, as concelleiras ribadenses Montse Seijo, Elena Sierra e Begoña Sanjurjo, a presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, o xerente do colectivo empresarial, Jesús Pérez, e o técnico de Acisa, Jorge Fernández, que puideron degustar as elaboracións realizadas por este establecemento hostaleiro.
- Navia abriu este xoves o XVI Concurso de Pinchos e Tapas de Autor, que se celebra ata o domingo con 19 locais participantes e creacións a 2,50 €
O sábado tivo lugar no Casino o III Showcooking, con cociña en directo e maridaxe de viños. O público poderá votar os seus pinchos favoritos e participar no sorteo dunha noite no hotel Marqués de Riscal. A entrega de premios será o luns 20 ás 19:00 h. O Concello e Destino Navia animan a veciños e visitantes a gozar desta cita gastronómica.
- O Festival da Ostra de Castropol 2026 celebrarase do 30 de abril ao 3 de maio
Haberá degustación diaria de ostras na carpa do porto. Concertos, showcookings, visitas guiadas e actividades mariñeiras. Lancha pola ría, exposición de maquetas e concurso fotográfico #somoslasostra2026, ademais propostas especiais en Acueo, La Casilla e Restaurante Peñalba.
- A subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, asistiu este mércores en Vilalba á saída da segunda etapa de O Gran Camiño 2026, que conectou a Terra Chá coa Mariña lucense
A etapa, cun percorrido duns 150 quilómetros, partiu arredor das 11:30 horas e rematou en Barreiros, atravesando concellos como Xermade, Muras, Viveiro ou Foz. A proba reúne a equipos do ciclismo profesional internacional e sitúa a provincia de Lugo como escenario dunha das citas deportivas máis destacadas do calendario. O Goberno colabora no desenvolvemento da carreira a través das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, que velan polo correcto desenvolvemento da proba e pola seguridade de participantes e afeccionados.
- O vindeiro mes de maio celebrarase no concello de El Franco a primeira Feira de Xardinería do Occidente, un evento pioneiro en Asturias que porá o broche final a un mes cheo de actividades
A cita contará con charlas, obradoiros, concurso de fotografía e unha ampla zona expositiva. A feira será de acceso gratuíto e está pensada para gozar en familia.
- O Concello de Cervo ten aberto o prazo de inscrición para participar na XL Edición do Día do Xubilado, que se celebrará o 1 de maio
As persoas interesadas poden anotarse ata o 24 de abril na Casa do Concello (Cervo) ou na Casa da Cultura (San Cibrao). A actividade está dirixida a persoas pensionistas empadroadas no municipio. Trátase dunha xornada pensada para compartir, celebrar e desfrutar en comunidade.
- Un numeroso grupo de veciños e veciñas de Ortigueira participou nunha nova viaxe do programa municipal para persoas maiores, que nesta ocasión tivo como destino A Costa da Morte
A parada principal foi Cee, onde a expedición foi recibida no Museo Fernando Blanco, afondando nos vínculos históricos entre ambos municipios. Durante a visita, o director do centro destacou a “dobre conexión” entre Ortigueira e Cee, lembrando a figura de Manuel Rebollar, músico ortegán que dirixiu a Banda de Música de Cee entre 1927 e 1940. O recordo ao artista foi un dos momentos máis emotivos da xornada, ilustrando os lazos culturais que unen ás dúas localidades desde hai case un século.