- O mércores, 17 de xuño, ás 18:30 horas, alumnado de Danza Clásica da Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) ofrecerá unha actuación no Quiosco do Parque de San Francisco
Esta cita, xa consolidada dentro da programación estable do centro, permitirá ao público gozar dunha mostra do traballo artístico e formativo desenvolvido ao longo do curso polo alumnado da especialidade. A actividade constitúe unha oportunidade para achegar a danza á cidadanía e poñer en valor o esforzo, a dedicación e a evolución das alumnas e alumnos participantes.
- O Concello de Cervo felicita a Santi González Villares, do club de tiro con arco Iadovi, pola consecución da medalla de prata no Campionato de España de Veteranos +50, celebrado esta fin de semana en Madrid
O Concello destaca que este novo éxito é froito do compromiso, do esforzo e da dedicación constante do deportista, cualidades que lle permiten seguir acadando resultados destacados a nivel estatal. Desde a entidade municipal transmítense os parabéns a González Villares por este subcampionato de España.
- A ría de Ribadeo acolleu este domingo a terceira regata da Copa Deputación de Piragüismo, patrocinada pola Vicepresidencia da Deputación
A proba, organizada polo CP Altrúan, reuniu máis de 130 palistas dos seis clubs lucenses de augas tranquilas que participan na competición: o propio Altruán, o CD San Ciprián, o Club Kayak Foz, o CP Viveiro Urban Hotel, o Cidade de Lugo e o Club Fluvial de Lugo. O deputado de Mocidade Daniel García entregou os premios da proba, na que Club Fluvial de Lugo, Cidade de Lugo e Altruán coparon o podio por equipos. A Copa Deputación de Piraguismo, que conta de 6 regatas, organízase no marco da colaboración que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo mantén coa Federación Galega de Piragüismo para a promoción deste deporte, ofrecendo aos clubs a posibilidade de participar en competicións federadas nas súas comarcas e contribuíndo así á consolidación de equipos de base.
- Este sábado celebrouse no Pavillón Polideportivo do Valadouro a tradicional Exhibición de Patinaxe das Escolas Deportivas do curso 2025/2026
Malia a intensa calor, o pavillón encheuse de público para gozar das actuacións das numerosas alumnas, que ofreceron exercicios individuais, por parellas e en grupo, destacando pola súa beleza e dificultade técnica ao ritmo da música escollida. Ao remate, a concelleira Ana Rubal entregou medallas ás participantes, que tamén agradeceron o traballo e os valores transmitidos pola súa monitora, Lorena Fernández. Lémbrase que a festa de clausura das Escolas Deportivas terá lugar o luns 29 ás 19:00 horas, nun acto conxunto co Concello de Alfoz, no que haberá diversas actividades de celebración e a entrega de diplomas.
- O restaurante El Oviedo de Ribadeo retoma o seu ciclo cultural cunha velada de música e gastronomía o venres 19 de xuño
A cantante e instrumentista asturiana Mónica Acevedo actuará en formato solista, mentres que o equipo do local ofrecerá un menú especial con pratos como o tartar de xarda, gañador do “Ribadeo Sabe”, gazpachuelo de tempada, lomo de sardiña con berenxena afumada, cóctel de lagostinos, bonito de Burela con melocotón asado e sopa de cebola, e solombo de porco celta con xudías tenras. A cita comeza ás 21:15, con prazas limitadas e reserva imprescindible.
- Pastoriza celebrou con éxito este venres a segunda edición da Festa da Xuventude, que reuniu unhas 230 persoas nunha cea popular seguida dunha animada verbena con actuacións locais
A xornada incluíu tamén o IV Torneo de Pádel, que continuará durante a fin de semana. O evento, organizado polo Concello xunto con ASAPA e Miño Vivo e coa colaboración da Xunta, recupera unha iniciativa nacida hai catro anos a petición da mocidade, coa intención de consolidala no tempo. O tenente de alcalde, Marcos García Lombardero, destacou a alta participación —catro veces maior ca na primeira edición— e agradeceu a implicación de entidades, colaboradores e asistentes, así como a presenza de representantes da Xunta, do Parlamento e da Deputación.
- Ducias de persoas participaron este sábado na II Andaina Ribadeo en marcha contra o cancro, organizada pola AECC. A saída tivo no parque de San Francisco e seguiu pola rúa Villafranca del Bierzo, Avenida Calvo Sotelo ata a Illa Pancha e volta ao punto inicial
Adultos, nenos, familias, grupos de amizades fixeron o percorrido nun día espectacular de sol e cunha temperatura de 26º á hora da saída. Acudiron á cita o presidente provincial da AECC, José Manuel Rozas, o alcalde de Ribadeo, Dani Vega, as concelleiras e concelleiro ribadenses, Marta Saiz, Begoña Sanjurjo, Elena Sierra e Francisco José Silvent, a presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez, así como representantes da AECC de Ribadeo coa súa presidenta, Tea Martínez, á cabeza. A II Andaina Ribadeo en marcha contra o cancro contou co patrocinio de Solán e Acisa Ribadeo e coa colaboración do Concello de Ribadeo, Eroski e 2M.