FOZ .- O centro de formación A Aixola de Marín, dependente da Consellería de Pesca, dedicará unhas 3 mil horas a restaurar a fibra e a carpintería da embarcación Chad Band, pertencente ao Concello de Foz, que no futuro se dedicará a fins didácticos. Nesta fase da reparación acometerán o saneamento da habilitación interior, da cuberta e da caseta da ponte de mando deste barco que ten 15,50 metros de eslora, 4,60 metros de manga e 3 metros de puntal. O Chad Band é un barco procedente do narcotráfico que foi cedido ao Concello de Foz para dedicalo a fins formativos.
Fonte
“A Aixola” repara unha embarcación do concello de Foz que será destinada a actividades de divulgación sobre o mar
A reforma será acometida polos alumnos do centro da Consellería de Pesca e incluirá, entre outras actuacións, o saneamento da habilitación interior do barco, da cuberta e da caseta da ponte de mando
Santiago, 15 de febreiro de 2009.- O centro de formación “A Aixola”, dependente da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, acaba de recibir nas súas instalacións de Marín unha embarcación, propiedade do Concello de Foz, que será reparada para, posteriormente, ser destinada a actividades de divulgación sobre o mar. Trátase dun barco de 15,50 metros de eslora, 4,60 metros de manga e 3 metros de puntal e a súa dimensión, xunto cos traballos a desenvolver, fan da reforma a primeira actuación desta envergadura que se leva a cabo na escola.
Á espera dun proxecto de actuación definitivo co que se contará nas vindeiras semanas, o informe preliminar sobre o estado do barco establece a necesidade de acometer unha reparación de grande calado. Esta obra constituirá unha boa oportunidade para os alumnos do centro, xa que participarán de forma activa na recuperación do barco e, de feito, xa se estima que serán necesarias unhas 1.500 horas correspondentes ao módulo de fibra e outras tantas para o de carpintería.
Entre as accións a levar a cabo atópanse a substitución da quilla na parte de proa, o saneamento da habilitación interior e da caseta da ponte de mando e a instalación de novos motores, o que será aproveitado para realizar un novo acceso aos mesmos. Ademais, haberá que reparar as táboas de cuberta e cambiar algúns baos, varandas, candieiros e outros accesorios desta zona por atoparse en mal estado, ao tempo que será necesario substituír o cintón de estribor e instalar tambuchos e fiestras e a consola na ponte de mando.
A meirande parte dos elementos que haberá que cambiar serán elaborados e instalados polos profesores e os alumnos do centro, que se encargarán de levar a cabo as devanditas tarefas no marco da súa formación no centro “A Aixola”. Así mesmo, a escola deberá facer fronte aos gastos derivados da compra de materiais e algúns dos compoñentes que se instalarán no barco.
Esta actuación enmárcase no espírito co que a escola ten traballado dende que abriu ás súas portas no ano 1997, xa que ademais da súa repercusión no plano laboral cumpre unha importante tarefa social. De feito, “A Aixola” réxese por tres alicerces: a recuperación do patrimonio marítimo, a colaboración con outras institucións públicas e o ofrecemento de apoio a colectivos de risco en exclusión social.
Boa proba desta orientación son algunhas das actuacións levadas a cabo no centro nos últimos meses, entre as que se atopan a construción dunha embarcación cabinada que a Consellería de Pesca cedeu ao Servizo Provincial de Costas de Pontevedra, dependente do Ministerio de Medio Ambiente y Medio Rural y Marino, ou a restauración dun racú propiedade da Asociación de Amigos da Dorna Meca. Ademais, dende “A Aixola” fíxose entrega ao Clube de Remo Chapela da súa embarcación pneumática totalmente reparada, despois de que sufrira diversos danos no transcurso dunha regata de traiñeras, así como de dúas lanchas pertencentes ao Concello de Marín, que foron arranxadas polos alumnos do curso de Reparación de embarcacións pneumáticas.
Oferta formativa do centro
A oferta formativa desta escola, dependente da Consellería de Pesca e xestionada polo Centro Tecnolóxico do Mar–Fundación Cetmar, foise incrementando e adaptándose ás novas necesidades e aos cambios experimentados na actividade marítimo-pesqueira. Aínda así, consérvanse cursos propostos inicialmente, como son o de modelador de poliéster, o de laminador de poliéster, o de carpintería de ribeira ou o de redeiro e velería.
No entanto, ao longo dos case doce anos que a escola leva aberta, tamén se puxeron en marcha novas accións formativas como é o curso de reparacións polivalentes, o de reparación de embarcacións pneumáticas e o de manipulación de polietileno e polipropileno en buques de pesca e acuicultura. Ademais, incorporouse o Módulo Ocupacional de Creación de Empresas (MOCE), que pretende dar resposta á demanda existente entre algúns alumnos de cara á creación da súa propia empresa.
Así mesmo, cabe destacar que toda a formación que se imparte no centro ten unha compoñente importante de I+D+i, xa que se busca desenvolver novos materiais e formas de traballo que beneficien o sector marítimo-pesqueiro.






















Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continúa con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.
Finalizado o encontro, de carácter privado, o Cónsul asinou no Libro de Ouro da Deputación e a Presidenta fíxolle entrega dun agasallo institucional. Trala xuntanza Carmela López manifestou a súa satisfacción porque “traballamos para avanzar en novas vías de colaboración, e en posibles proxectos que serven para reforzar a relación entre a Deputación e o veciño país de Portugal”.



