- Este sábado, 29 de agosto, ás 22:30 horas, a Praza dos Campos en San Cibrao acollerá unha nova cita musical dentro do ciclo de Concertos do Xacobeo, impulsado pola Xunta de Galicia, coa actuación de Óscar Ibáñez & Tribo
O público poderá desfrutar dunha proposta que parte da música tradicional galega, combinando a gaita e as frautas con instrumentos como o violín, acordeón, guitarra, baixo ou percusión, nunha mestura de tradición e modernidade cun marcado carácter atlántico e celta. A actuación, con entrada libre, ofrece unha noite para gozar da música galega en directo e seguir achegando a cultura e a tradición aos espazos públicos do municipio.
- O martes 1 de setembro, ás 20:30 horas, celebrarase no Teatro de Ribadeo o concerto solidario Música de Cine, organizado a beneficio da Asociación Española contra o Cancro
A actuación estará a cargo da Coral Polifónica de Ribadeo coa colaboración do Coro Sagrado Corazón. A entrada solidaria ten un prezo de 6 euros e poderá adquirirse na billeteira do teatro o mesmo día, en horario de 12:00 a 13:30 e desde as 19:00 horas. O evento conta coa colaboración da AECC Lugo, o Concello de Ribadeo e o espazo cultural Castillo San Damian.
- Rescatados tres tripulantes dun barco que se incendiou no mar en Mañón
Foi a unhas oito millas de Estaca de Bares. O 112 Galicia tivo coñecemento do suceso arredor das 22:30 horas deste luns a través do Servizo de Gardacostas de Galicia, que indicou que se mobilizaba o helicóptero Pesca II logo de que se producise lume nun barco, con tres tripulantes a bordo. Porén, os mariñeiros foron evacuados do lugar a través dun pesqueiro que se atopaba na zona para, posteriormente, ser trasladados en ambulancia. Por outra banda, o barco finalmente afondou no mar. Cómpre mencionar que neste operativo tamén participaron Salvamento Marítimo e a Garda Civil.
- Este xoves, 27 de agosto, dentro do programa Verán na Praza, volve a Lourenzá o Mago Antón, que chegará coa súa xira 50, coa que celebra os seus cincuenta anos de carreira artística
Esta actividade, organizada polo Concello de Lourenzá, será na praza César Chavarría Pacio e haberá tres funcións: ás 13:00, ás 18:30 e ás 20:00 horas. A entrada é de balde por orde de chegada ata completar aforo. A alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, destaca que “a maxia é unha desas propostas que sempre ten unha acollida moi especial en Lourenzá. Gusta aos pequenos, pero tamén consegue sorprender e ilusionar aos maiores, converténdose nun plan perfecto para gozar en familia”.
- A Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, participou na última xornada da XXXIV Festa da Malla de Meira, que reuniu milleiros de persoas e está recoñecida como Festa de Interese Turístico de Galicia
Xunto a autoridades locais, destacou a importancia de preservar as tradicións e lembrou que a Deputación destinou este ano 400.000 € ao Concello para servizos básicos. A festa, creada en 1992 e impulsada pola Asociación de Amigos da Malla, busca recuperar e poñer en valor este oficio tradicional. A programación incluíu documental, obradoiros, música, exposicións de maquinaria antiga e actividades para nenos.
- Desde o Concello de Ribadeo agradecen ás Vacas Fracas a organización da Cedofestiña: evento que este ano estivo dedicado ás artes plásticas, cun mural colectivo, exposicións e un concurso de pintura, sen deixar de lado a música e outros obradoiros”
Ata a Cedofestiña, que tivo lugar onte no Pazo de Cedofeita, se achegaron o alcalde, Dani Vega, e a concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo. O Concello colaborou unha edición máis coas Vacas Fracas.
- María Palmira Martínez Rouco celebrou en Sumoas, no concello de Xove, o seu 100 aniversario acompañada pola súa familia
Con motivo desta data tan especial, o alcalde Demetrio Salgueiro, xunto ás concelleiras Tamara Soto e Mª Dolores Meitín, visitouna para felicitala persoalmente e compartir con ela unha celebración tan emotiva. O Concello destacou a alegría e o orgullo que supón chegar ao século de vida e trasladoulle os seus parabéns, desexándolle saúde, felicidade e moitos máis anos rodeada dos seus seres queridos.