- O Concello de Cervo felicita a Mateo Riera polo primeiro posto acadado no XVIII Trofeo Esponsor de Padrón, nunha carreira moi disputada que se resolveu ao sprint
O mozo ciclista continúa a demostrar o gran nivel desta tempada, na que suma xa un primeiro posto e un terceiro nas últimas probas das Escolas de Ciclismo da Federación Galega. Uns resultados que reflicten o seu esforzo, constancia e paixón polo deporte. O Concello tamén quixo poñer en valor o traballo do club Medela MTB, pola súa aposta pola formación e polo deporte base, acompañando aos máis novos no seu crecemento deportivo e persoal. Desde Cervo trasladan os parabéns a Mateo e á familia Medela, e destacan o orgullo polos éxitos e pola excelente tempada que están a realizar.
- O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, foi o encargado de ler este domingo o pregón da Romería Bispo Santo de Foz, nun acto litúrxico que tivo lugar na Basílica romana de San Martiño de Mondoñedo e que supón o inicio dunha nova edición dunha das celebracións máis tradicionais e multitudinarias da Mariña lucense
Durante a súa intervención, Xosé Merelles destacou a capacidade da romaría para conservar viva unha tradición transmitida de xeración en xeración e profundamente vinculada á identidade da comarca. Xosé Merelles puxo en valor o papel da Romaría do Bispo Santo como exemplo do turismo cultural e espiritual que promove Galicia, baseado na autenticidade, na conservación das tradicións e no patrimonio inmaterial.
- Arredor de 400 persoas participaron este domingo no III Día da Veciñanza de Alfoz, unha xornada de convivencia que reuniu veciños e veciñas das diferentes parroquias nun ambiente festivo
O encontro incluíu sesión vermú amenizada polo Dúo The Poker e unha comida popular con empanada, embutido, croquetas, xamón cocido, tenreira asada e sobremesa. Pola tarde continuou a música e realizáronse sorteos de agasallos achegados polas asociacións colaboradoras. A iniciativa foi organizada pola Asociación O Castelo, en colaboración coas asociacións parroquiais e o Concello de Alfoz, que agradeceron a ampla participación. Durante a xornada tamén houbo un momento de lembranza para Jorge Val, exalcalde falecido hai un ano, destacando o apoio que brindou ás asociacións locais.
- O deputado Daniel García achegouse este domingo ao mercado de produtos locais Aos pés de Cornería, en Vilaronte, no concello de Foz
Unha actividade organizada pola Asociación Cultural pensada para promocionar os produtos de proximidade e da artesáns, nun ambiente lúdico e festivo. Produtos de horta, conservas, mel, requeixo, plantas ornamentais ou bisuteria son algúns dos produtos que se podían encontrar no mercado, que contou tamén con outras actividades como bautismos hípicos. A Vicepresidencia da Deputación colaborou un ano máis na programación do mercado cun obradoiro de coiro e animación musical.
- A Deputación reivindica en Xermade o valor da memoria e do rural na apertura das XXII Xornadas Interxeracionais de Cabreiros
A Deputada de Muller e Igualdade, Marisol Morandeira, participou este sábado na inauguración, onde destacou o valor desta iniciativa que leva “máis de vinte anos unindo ás persoas arredor do coñecemento, da experiencia compartida e do orgullo polo rural”.
- O Ribadeo Sabe, que organizan o Concello e Acisa, botou a andar con actividades complementarias como a cata de viños que tivo lugar este mércores na Praza de Abastos, dirixida á hostalería local e aberta ao público xeral
Foi impartida polo sumiller Alberto Vega. A Masterclass buscou aportar coñecemento, fomentar a posta en valor do produto e seguir reforzando a formación e profesionalización do sector dentro da programación de Ribadeo Sabe. Ata a Praza de Abastos se achegaron o alcalde de Ribadeo, Dani Vega, a concelleira de Comercio, Marta Saiz, a presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez. O Ribadeo Sabe terá lugar do 14 ao 17 de maio en 22 locais hostaleiros, que ultiman os preparativos para sorprender con elaboradas e saborosas propostas.
- O Seminario de Estudos do Valadouro (SEVA) presentará o Cancioneiro do Valadouro o vindeiro 17 de maio ás 19:00 h na Casa da Cultura de Ferreira
Esta nova publicación, que fai o número 19 da colección periódica do SEVA, recolle unha parte esencial do patrimonio musical e oral do Valadouro. Os compiladores da obra son Manuel Lourenzo —xa falecido—, Isaac Ferreira e Xesús Pisón, quen contribuíron a preservar e poñer en valor este legado cultural.