19 de Novembro de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

A asociación Mar de San Cibrao promove a construción dun traiñón de 10 metros de eslora

19-02-10

SAN CIBRAO .- A asociación Mar de San Cibrao pretende “recuperar unha tradición perdida hai case un século na comarca de A Mariña” para o que construirá unha embarcación traiñón “segundo a tradición construtiva acumulada durante décadas nos estaleiros sancibrenses”, aseguran desde a asociación.

Nota de Prensa

MAR DE SAN CIPRIÁN RECUPERA COA CONSTRUCCIÓN DUNHA EMBARCACIÓN “TRAIÑÓN” UNHA TRADICIÓN PERDIDA HAI CASE UN SÉCULO NA COMARCA MARIÑÁ

* A embarcación comezarase a construír en breves meses nos estaleiros de Francisco Frá
* Con dez metros de eslora, esta réplica contará con cinco remos por cada banda
* O traiñón foi unha tipoloxía constructiva e operativa que deu puxanza á pesca mariñá e galega durante o século XIX e comezos do XX.

San Ciprián. 15 de febreiro de 2010.- A asociación “Mar de San Ciprián” deu comezo ao desenvolvemento dun proxecto constructivo que os levará a dispor dunha embarcación tipo “traiñón”. Este barco será construído en madeira segundo a tradición constructiva acumulada durante décadas nos estaleiros sancibrenses. Neste caso, será Francisco Frá, derradeiro carpinteiro de ribeira en activo nesta comarca, o encargado da súa construcción.

Francisco Frá  xa comezou o deseño e elaboración desta embarcación co trazado do deseño básico e a formulación da montea. Así mesmo, xa dispón da maqueta, coa que deu trazado ás liñas que servirán para enxergar as cadernas da nave. Estes traballos deron comezo grazas a axuda económica recibida desde á Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo, e que ascendeu a 2.525 euros.

Esta embarcación estará construída en madeira de carballo e pino do país, ao entender que estas madeiras recuperan a verdadeira fórmula constructiva autóctona e se adaptan de forma plena á recuperación etnográfica de embarcacións típicas que este Concello quere facer mediante esta actuación. Do mesmo xeito, tamén se empregará o lenzo para a confección das velas, así como o sisal e a abacá para os cabos e aparellos do velame.

Para tal fin tamén se recuperarán as formas constructivas propias desta embarcación, xa que se dotará dunha proa rodada e fina para favorecer as manobras, ao xeito das antigas, e se lle dará maior forma a popa, co gallo de recuperar a forma denominada chea, con motivo de dotar á embarcación de máis arqueo á popa, debido ao peso do aparello que lle da nome á lancha.

As dimensións da embarcación serán 10 metros de eslora, 2,40 metros de manga e 1,10 metros de puntal. Asemade, e para recuperar de xeito fidedigno esta tipoloxía de embarcación, a nave estará propulsada por dez remos, cinco por banda, aos que se engadirán dous paos – mastros con velas ao tercio, sendo a de popa de maior tamaño.  Tamén se construirá un temón de maior puntal que a lancha, de forma que axude ás manobras, correspondendo o goberno a un décimo primeiro remo no caso de navegación mediante boga.

A asociación  “Mar de San Ciprián” ten entre os seus obxectivos a conservación e recuperación do patrimonio marítimo mariñao en xeral e sancibrense en particular. Entre outras citas e iniciativas, levan xa representado o patrimonio marítimo – pesqueiro mariñao nos VII e IX Encontros de Embarcacións Tradicionais de Galicia, celebrados en Ferrol e Muros nos anos 2007 e 2009.

Desde a asociación sancibrense queren agradecer publicamente a achega concedida desde a entidade provincial, e agardan contar co apoio doutras administracións para conseguir avanzar as diversas fases constructivas que a embarcación agora iniciada.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive