19 de Maio de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

A oposición impide que se aprobe a ordenanza municipal contra a contaminación acústica en Ribadeo

16-03-10

RIBADEO (FNC).- O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, lamenta que non fose aprobada definitivamente en pleno a ordenanza municipal contra a contaminación acústica e critica a falla de coherencia amosada por algúns dos partidos da oposición.

O rexedor sinalou que “é de lamentar que non foi adiante a aprobación definitiva da ordenanza contra a contaminación acústica, colleitou o voto en contra de todos os grupos da oposición e o voto a favor do grupo de goberno, pero ao estar en minoría non saiu adiante. Acepto o resultado da votación, pero me chama moito a atención vindo de quen ven por varios motivos, esta ordenanza que se aprobou inicialmente no ano 2006 sendo alcalde outra persoa co voto a favor do seu partido, o PSOE, e se abriu un período de exposición pública onde o rexedor anterior convidou por carta a varios colectivos afectados, entre eles a Asociación de Comerciantes, por si tiñan algo que dicir. E ninguén ou casi ninguén presentou alegacións agás algún particular que estaba moi preocupado polo tema do ruido, pero ninguén máis fixo alegacións, nin o PP presentou ningunha e desde logo o PSOE, que daquela gobernaba, votou a favor desta aprobación inicial da ordenanza”.

Suárez Barcia lembrou que “hai máis ou menos un ano quixen traela a debate dos grupos para plantexar a súa aprobación definitiva de cara á súa entrada en vigor, todos os grupos me pediron tempo e creo que houbo tempo dabondo para estudiar esta ordenanza, como non deron sinais de vida voltei a plantexala nunha comisión informativa a semana pasada e todo o mundo se reservou máis ou menos para o pleno”.
Sentencia xudicial

O alcalde considera que “onte se viu a cuadratura do círculo en moitas cousas, primeiramente o máis chocante foi a actitude do PSOE e seu portavoz, que pasou de defender hai tres anos esta ordenanza sen fisuras a rexeitala de plano sen fisuras, cando o alcalde actual non lle cambiou nin unha triste coma. Tamén me sorprendeu a actitude do PP porque non presentou alegacións no período de exposición pública e agora finalmente vota en contra dunha ordenanza como moitas outras ordenanzas que hai no noso territorio cercano. A ordenanza de Foz é si cadra máis restrictiva que a que se pretendía aprobar aquí en Ribadeo e non creo que o sector dos pubs teñan máis problemas en Foz que en Ribadeo, o mesmo pasa en Burela, o mesmo pasa con outras localidades nos que este tipo de ordenanzas están vixentes desde hai anos, como en Vigo, na Coruña, etc… pero cunha salvedade aquí, o Concello de Ribadeo está condeado en firme por sentencia xudicial a pagar desde hai varios anos a un particular unha cantidade fixa e periódica mensual de maneira indefinida en tanto o Concello non arranxe o problema da contaminación acústica. Eu por coherencia, por aprobar inicialmente esta ordenanza no 2006 non sendo alcalde, e agora sendo alcalde por coherencia pretendíamos aprobala e pensei que a coherencia non soamente estaba instalada nas nosas filas senón tamén nas dos demáis”.

A Fernando Suárez dóelle que “as cousas non saian adiante, pero cando se goberna hai que tomar decisión e ás veces desde a oposición se pode facer unha política máis de tirar a pedra e esconder a man, ou non responsabilizarse de determinadas cuestións, que estando no goberno sí que hai que facer. Quíxeno plantexar e sabendo que ían estar en contra puiden optar entre retirala ou votala, pero os meus compañeiros e máis eu entendemos que por coherencia tiñamos que levala a pleno. Alguén no fragor dun debate se pode crer vencedor ou victorioso, pero a marea sube e baixa para todos e haberá que ver cómo pasa o tempo e cómo vai derivando esta situación”.

Fonte de Porto e mocións

O alcalde manifestou que “o resto do pleno tamén foi interesante dado que por fin se aprobou por unanimidade a declaración de utilidade de interese público da fonte de Porto na parroquia de Vilausende, á vista de que moitos veciños viñeron testemuñar que esa fonte sempre fora pública e que o Concello cando iniciou a súa recuperación hai un ano o facía de boa fé e agora, despexada todo dúbida, agora o Concello ten que rematala e facer unha fonte emblemática para uso e disfrute dos veciños de Porto, dos de Vilausende e do resto do concello”.

No capítulo de mocións foi aprobada por unanimidade, ainda que incluindo diversas enmendas, a presentada por UPRI sobre o peche da oficina do ISM. A relativa ao rexeitamento das corridas de touros contou cos votos a favor do BNG, a abstención do PSOE e os votos en contra de PP e UPRI. Foi aprobada cos votos a favor de BNG, UPRI e PSOE e cos votos en contra do PP unha moción presentada polo BNG en defensa das UXFOR. BNG, PSOE e UPRI respaldaron unha moción de Unións Agrarias sobre a supresión de axudas da PAC, que contou cos votos en contra do PP. Igualmente BNG, PSOE e UPRI votaron a favor doutra moción do Sindicato Labrego Galego sobre as axudas da PAC, mentras que o PP se abstivo. Tamén foi aprobada por unanimidade unha moción do PP sobre a non tributación polo IVE de facturas non cobradas por autónomos e PEMES. E PP e BNG presentaron sendas mocións de adhesión ao manifesto Galicia ten dereito que contaron cos votos a favor de BNG, PP e UPRI e coa abstención do PSOE.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive