22 de Xullo de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Burela non merece o trato que lle dá o POL, explica a tenete de alcalde

26-03-10

BURELA (FNC) .- A tenente de alcalde considera que Burela non se merece o trato que lle dá o Plan de Ordenación do Litoral. Neves Cando acusa aos populares de calar no pleno de onte e de defender os intereses da Xunta e non os dos veciños da vila. PSOE e BNG aprobaron unha moción solicitando a retirada do POL.

A edil nacionalista sinalou que “de vergonza política temos que cualificar a actitude do PP de Burela no pleno de onte sobre o Plan de Ordenación de Litoral e de como este afecta ao noso concello. O equipo de goberno presentaba unha moción que foi aprobada co voto en contra do PP na que se instaba á Xunta á retirada deste plan polo que supón de hipoteca urbanística para o noso pobo e o PP de Burela non dixo nada nin a favor nin en contra deste plan porque neste caso atende máis ás directrices do seu partido que aos intereses de todos os veciños e veciñas de Burela”.

Neves Cando manifestou que “o PP cala ante o desaguisado que supón o POL para o noso concello e dálle as costas ao pobo de Burela. A parte de criticar pola nosa parte que este plan foi presentado pola Xunta daquela maneira con continuos cambios na cartografía e ocultación de certos activos que o regulamentaban tamén falamos da falla de vontade política de consensuar unha normativa de tanto calado para todo territorio galego posto que os prazos para a súa aprobación inicial están aí, fálase do día 15 de maio e os Concellos temos de prazo ata o 3 dese mes para presentar as nosas alegacións. E a todo isto o PP de Burela cala”.

A tenente de alcalde asegurou que “a hipoteca urbanística que este POL supón para Burela tradúcese en perder zonas tan importantes para a nosa expansión como A Marosa, A Casilla, Foxo e O Perdouro, e a todo isto o PP de Burela cala. A afectación que o POL fai sobre A Marosa impide calquera tipo de construción nesta zona e impide incluso calquera tipo de instalación deportiva pechada, co cal todos os terreos comprados alí polo Concello para un futuro complexo deportivo non valen para nada. E o PP de Burela cala. Igualmente a zona de Foxo, tan critica pola afectación que tiña o plan sectorial de vivenda do goberno anterior da Xunta. Agora a zona de Foxo vai quedar totalmente inutilizada para a construción de vivenda e a todo isto o PP de Burela cala”.

Cando segue a relatar que “a expansión industrial da marxe esquerda de O Perdouro, a máis pegada á costa tamén se verá hipoteca con este Plan de Ordenación do Litoral e o PP de Burela cala, por iso desde o equipo de goberno aprobamos onte esta moción solicitando a retirada do plan porque supón un grave perxuizo para o noso pobo. Nós defendemos os intereses de todos os veciños e veciñas de Burela e sen embargo o PP non, porque ao votar en contra desta moción acepta o plan e convértese en cómplice da Xunta de Galicia e de todo o desaguisado que supón para Burela”.

A tenente de alcalde considera que “o pobo de Burela non se merece esta trato e o partido da oposición está actuando defendendo á Xunta e non defendendo os intereses dos veciños de Burela. O PP decidiu onte votar en contra dos intereses de Burela, eles saberán o que fixeron e por qué o fixeron, pero o pobo de Burela non se merece un partido da oposición con esta desvergonza política”.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive