12 de Xullo de 2020

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Burela inspecciona os danos causados pola auga no río soterrado cunha cámara

23-06-10

BURELA (FNC) . Unha cámara de inspección de colectores analiza os danos causados polo temporal na canalización do río soterrado de Burela, segundo daba a coñecer este mediodía o alcalde, Alfredo Llano, despois do encontro mantido con responsables de Espina y Delfín, a empresa concesionaria do servizo de abastecemento de auga.

O rexedor explicou que “no Concello estamos traballando en varias forntes ao mesmo tempo, teño que recoñecer que a Deputación favoreceu moito a recuperación da nosa vila. Xa o 10 de xuño trouxo aquí dúas motoniveladoras, unha retroexcavadora e un camión cargador, esas máquinas seguirán aquí traballando ata o vindeiro 29 de xuño. Nós xa contamos tamén desde onte cun equipo de rego asfáltico que está recuperando certas zonas preto do cemiterio, nas rúas que resultaron máis afectadas e tamén actuaremos en Vila do Medio na área recreativa que sufriu tantos danos… teremos aquí este material ata o 2 de xullo e despois seguirá o plan de actuación que se acordaba o pasado luns en Cervo na xuntanza mantida entre os alcaldes e o presidente da Deputación. Todos teremos que compartir a maquinaria e os efectivos da institución provincial, nós terémolo aquí ata o 2 de xullo e ata o 31 estará a disposición de todos os concellos que o precisen en tandas duns 10 días”.

Llano subliñou que “desde onte temos aquí máis persoal de Espina y Delfín que trouxeron dous camións de saneamento e unha cámara de inspección de colectores que está a facer a súa labor e o seu traballo para saber cómo afectou ese temporal á canalización do río soterrado que temos aquí en Burela. Imos facer unha análise pormenorizada ao longo dos vindeiros días para saber cómo se atopa todo e ver a cantidade de pedras, de lodos e de material vexetal que chegou a todos eses puntos”.

O alcalde de Burela engadiu que “hoxe comezamos na praia da Marosa con maquinaria que aporta Costas a tentar normalizar a situación dese areal que foi un dos máis afectados polo temporal, hai alí un socavón enorme e hai que deixar todo listo antes de que se inicie a tempada estival. Considero que a partires do 1 de xullo estea en perfectas condicións para uso e disfrute dos bañistas. En Burela estamos a actuar con rapidez e con eficacia para voltar canto antes á normalidade, a Xunta tamén está tentando limpar os ríos e regatos para telos en perfecto orde. Agardemos que estas situacións non se repitan no futuro e si así fose queremos ter todo listo para que o impacto sexa moito menor”.

Nova escola infantil

Por outra banda, Alfredo Llano, anunciou que a vindeira semana manterá un encontro cos responsables do Consorcio Galego da Igualdade e do Benestar para falar das necesidades que ten Burela no ámbito da educación infantil. O rexedor lembrou que “xa lle enviamos hai tempo unha carta á xerencia e á conselleira Beatriz Mato para que soubese que en Burela precisamos máis prazas para atender aos nenos de 0 a 3 anos. Plantexámoslles a posibilidade de habilitar novos espazos no edificio da Casa do Mar para dar cobertura a 30 ou 40 nenos máis ao longo do vindeiro curso”. Alfredo Llano sinalou que “nesa posibilidade lles insistirei de novo o luns e tamén na necesidade de construír unha nova escola infantil en Burela si o número de nenos desa idade segue a medrar a partires de agora. Veremos que nos di a Xunta aos nosos plantexamentos”.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive