25 de Agosto de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

As DOT seguen a consolidar o “ti vai facendo” para lexitimar con Planos Sectoriais á carta, explica Adega

29-08-10

REFERENCIA

ADEGA – DOT: NOVO INSTRUMENTO PARA POLÍTICAS CADUCAS

Directrices de Ordeamento do Territorio (DOT): novos instrumentos para políticas caducas

Compostela, 29 de agosto de 2010. ADEGA vén de apresentar Alegacións DOT ás Directrices do Territorio, o suposto novo marco para unha planificación territorial sustentábel, e que fronte á realidade actual das políticas públicas son xa papel mollado. Un feixe de determinacións que ficarán derramadas ao bater cunha realidade ben distinta: insubmisión normativa dos concellos, “flexibilización” da Lei do Solo, amnistías e convenios urbanísticos ad hoc, planos sectoriais agresivos, continua “deconstrución” da cativa rede de espazos protexidos…Unhas Directrices que renuncian a intervir sobre as principais causas e consecuencias da actual degradación do territorio, deseñando un país virtual, mentras deixan vixentes as planificacións caducas e insustentábeis responsábeis desa degradación.

A renuncia a reverter os desaxustes e impactos derivados dunha caótica planificación territorial lexitima a política de “terra queimada” vixente durante anos neste país. Para evitar iso, dende ADEGA propomos que as DOT inclúan tamén actuacións destinadas a revertir estes impactos e sinerxias negativas das planificacións pasadas. Tamén a este respeito as DOT deberían suspender a execución dos instrumentos de planificación supra-municipal (Planos Sectoriais e Planos Territoriais Integrados) actualmente vixentes, responsábeis de moitas desfeitas.

Unhas DOT tampouco deberían adoecer de miopía a respeito do noso patrimonio natural, xa que un dos factores determinantes da perversa relación co territorio é a inexistenza dunha rede de espazos protexidos acorde coa nosa diversidade natural e a falla de instrumentos para garantir a súa conservación. Por iso dende ADEGA propomos o alongamento con carácter previo á aprobación das DOT da rede de espazos naturais protexidos, comezando pola Rede Natura 2000 –como mínimo nos termos da proposta elaborada pola Xunta en 2007-, e a posta en marcha das figuras de protección da paisaxe contidas na Lei 7/2008 da Protección da Paisaxe de Galiza.

Outra das principais eivas destas Directrices deriva da submisión das políticas públicas ao dogma das infraestruturas. As DOT consolidan un modelo baseado no transporte por estrada concretado no Plano MOVE, ao tempo que renuncian a desenvolver o ferrocarril de proximidade. Ter como obxectivo que o 80% da poboación fique a menos de 20 minutos dunha vía de alta capacidade, aumentando a rede até os 2300 km, oponse á Estratexia Europea de Desenvolvemento Sustentábel e contradí as recomendacións da Estratexia Galega contra o Cambio Climático 2010-2020. De paso, cría un novo xeito de discriminación por razóns de mobilidade, e fosiliza inmensas cantidades de recursos públicos (4.000 millóns de € só o MOVE). A alternativa, non é poñer unha autoestrada na porta de cada casa para poder acceder aos servizos, e menos nun país con alta dispersión poboacional, senón achegar estes á xente xerando proximidade. Para iso, cómpre inserir as necesidades de mobilidade no deseño habitacional e reducir fortemente a demanda do transporte, favorecer a intermodalidade, o transporte colectivo e o ferrocarril de proximidade.

Polo que atinxe aos camiños de ferro, nas DOT priorízase o desenvolvemento da rede de alta velocidade en detrimento da rede convencional. Esta falla de compromiso co tren de proximidade, evidenciada  ao renunciar á conexión do sistema de cidades entre sí (o esquecemento da liña Santiago-Lugo é revelador), amosa que a proposta ferroviaria destas DOT non é outra que o caduco modelo “radial” centralista, mais agora de alta velocidade.

En definitiva, as DOT constitúen un pomposo exercicio de enxeñería territorial con poucas posibilidades de representar un cambio no tradicional e insustentábel modelo de relación co territorio: seguese a consolidar o  “ti vai facendo” con amnistías urbanísticas e convenios a medida, a lexitimar o saqueo dos recursos através de Planos Sectoriais á carta, e a encher o país de asfalto mentres “deconstrúese” o noso patrimonio natural.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive