21 de Outubro de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Inicio do curso no centro de atención á infancia de San Cibrao con dezaseis nenos

31-08-10

NOTA DE PRENSA:
O Goberno municipal manterá este servizo nas instalacións da urbanización Atalaia mentres espera a cesión dos locais baleiros da Casa do Mar

DEZASEIS NENOS INICIAN MAÑA O NOVO CURSO ESCOLAR NO PUNTO DE ATENCIÓN Á INFANCIA DE SAN CIPRIÁN

* Os responsables locais teñen previsto manter unha reunión cos pais e nais dos nenos para explicarlles as xestións levadas a cabo dende o Concello diante da Tesourería Xeral da Seguridade Social para trasladar as instalacións á Casa do Mar

* Non descartan levar adiante mobilizacións se non reciben resposta nun tempo prudencial da administración titular do inmoble.

Cervo, 31 de agosto de 2010.- Un total de dezaseis nenos e nenas menores de tres anos inscritos no Punto de Atención á Primeira Infancia (PAI) serán os beneficiarios que iniciarán mañá unha nova temporada deste servizo público e gratuíto posto en marcha polo Goberno municipal do partido Popular de Cervo no ano 2002.

Segundo confirmaron as autoridades locais, polo momento o PAI manterá as súas instalacións orixinarias da urbanización Atalaia de San Ciprián (nas que se leva prestando este servizo dende hai 8 anos) mentres agardan a que a Tesourería Xeral da Seguridade Social lles conteste ás reiteradas peticións formuladas dende hai máis dun ano para ubicar nos baixos baleiros do edificio da Casa do Mar as novas instalacións deste servizo de coidado á infancia.

Reunión cos pais
As concelleiras de Asuntos Sociais e de Educación, Pilar Armada e Yolanda Pedreira respectivamente, adiantaron que o equipo de Goberno local vai ter unha xuntanza a semana que ven cos pais e nais dos nenos matriculados no PAI para darlles a coñecer “polo miúdo” o seu proxecto de adecuar os baixos en desuso da Casa do Mar e tamén para informalos das distintas xestións levadas a cabo nos últimos anos para conseguir dispoñer destas instalacións, que actualmente levan máis de dous anos pechadas. “Queremos que os pais e nais saiban de primeira man o que pretendemos facer nestes baixos e tamén todos os contactos que levamos mantendo para conseguir a cesión destes inmobles e poder destinalos a usos de carácter público” recalcou Pilar Armada.

Tempo máis que prudencial
As dúas edís populares recoñeceron o seu malestar pola tardanza da Tesourería Xeral da Seguridade Social en contestar ás súas peticións de cesión dos locais da Casa do Mar. “A primeira das moitas solicitudes formais que lles enviamos data de maio do 2009, e pensamos que dende aquela tiveron tempo máis que suficiente como para poder contestarnos. Sen embargo, aínda non recibimos ningún tipo de resposta e isto está a provocar que dende o Goberno municipal non poidamos levar adiante o noso proxecto de ampliación e mellora das instalacións do Punto de Atención á Infancia” sinalaron.

Armada e Pedreira dixeron que na xuntanza aproveitarán tamén para pulsar a opinión dos pais sobre as súas necesidades e estarán abertos a calquera tipo de suxestións de cara a mellorar este servizo. “Tampouco esgotamos levar adiante outro tipo de accións e mobilizacións de acordo cos pais para tentar que de unha vez por todas a Seguridade Social nos día unha resposta ás nosas pretensións de situar nos baixos da Casa do Mar as novas instalacións do Punto de Atención á Infancia”.

Novidades que mellorarán o servizo
Mentres isto non se produce os nenos e nenas que acudan ao PAI farano novamente nas instalacións xa existentes da urbanización Atalaia de San Ciprián.

Con respecto aos anos anteriores, este ano o PAI presenta como novidade máis significativa a prolongación do seu horario de funcionamento de 8 da mañá a 8 da tarde de xeito ininterrompido co fin de facilitar axudar a compatibilizar a vida familiar e laboral dos pais. Este aumento nos horarios traerá consigo unha serie de servizos que ata o de agora non se viñan ofrecendo, coma é a posibilidade de que os nenos e nenas poderán comer o xantar nas instalacións do PAI a comida que traian dos seus respectivos domicilios, xa que as coidadoras encargaranse de darlles o xantar. Para cubrir este servizo o Concello de Cervo ven de ampliar de tres a catro o número de profesionais en Educación Infantil e Pedagoxía que desempeñarán estas labores de coidado e formativas entre os nenos.

As dúas edís cervense sinalaron que as actuais dependencias cumpren perfectamente as condicións para albergar o PAI e aseguraron que a intención do grupo de Goberno local é levar adiante as obras de adecuación dos baixos da Casa do Mar “ao día seguinte de recibir a cesión formal da Seguridade Social”.

A apertura do Punto de Atención á Infancia (PAI) no ano 2002 constituíu unha aposta firme do Goberno municipal do Partido Popular pola creación dun recurso destinado a nenos e nenas que necesitan atención e coidado durante un tempo diario e que non poden incorporarse a un centro de educación infantil. A través deste servizo -sen custe algún para os seus beneficiarios- o Concello de Cervo contribúe ao desenvolvemento integral dos nenos e nenas, e facilita a difícil tarefa de conciliar a vida laboral e familiar.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive