19 de Agosto de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

A CIG concentrarse en oficinas do INEM para esixir o mantemento da axuda a parados sen prestacións

14-12-10

Nota de prensa

Concentracións da CIG nas oficinas do INEM, o día 15, para exixir o mantemento da axuda de 426 € a parados sen prestacións

A central sindical quere manifestar a súa solidariedade con este colectivo e denunciar que, ao tempo, o goberno elimina o imposto de sociedades e privatiza Aena e Loterías

Mañá 15 de decembro, a CIG celebrará asembleas de delegados/as en todas as cidades e convocará concentracións diante das oficinas do INEM, para exixir do goberno que se manteña a axuda de 426 euros para os parados que esgotaron a prestación por desemprego e para manifestar a súa solidariedade con este colectivo que se verá abocado á marxinación e á pobreza, mentres se manteñen as medidas de apoio ao capital financeiro. Na Mariña a concentración terá lugar ás 12h diante da oficina de emprego de Burela (Pardo Bazán, 21).

Dende a central sindical manifestamos a total oposición con esta medida aprobada no Consello de Ministros do pasado día 3 de decembro, pois é escandaloso que un goberno que se di progresista -ou quere aparentalo, aínda que as medidas que vén adoptando evidencian todo o contrario- teña unha actitude tan condescendente coa oligarquía financeira, que se reúna cos seus máximos representantes e acto seguido entre as medidas que anuncia elimine as axudas aos parados, o que vai supor que miles de persoas teñan que padecer unha situación de marxinación e pobreza.

Fronte a isto dende a CIG denunciamos que o goberno non adoptou ningunha medida para controlar as actividades financeiras e que permite á banca seguir actuando con absoluta liberdade especulando con todo, incluído coa débeda pública. Políticas que deixan ao descuberto que se está a pór ao Estado e á poboación ao servizo da banca para custearlle entre todos os negocios ruinosos e especulativos dese sector.

Trátase de medidas “inadmisíbeis” contra as que hai que reaccionar. Por iso, alén destas concentracións de delegados previstas para o dia 15 de decembro, a CIG mobilizarase tamén contra os orzamentos públicos, tanto do Estado como da Xunta de Galiza, polos recortes tan duros para a maioría social que por esa vía se introducen.

Alén diso, a CIG denuncia tamén outras das medidas aprobadas no Consello de Ministros, nomeadamente a redución do imposto de sociedades. Nunha situación na que se requiren ingresos para reducir o déficit público e para poder incrementar o gasto público e reactivar a economía, seguir esta política de adelgazamento do estado é profundamente equivocado A media do imposto de sociedades no ano 2008 estaba no 18,4% segundo datos oficiais, cando o tipo impositivo mínimo que pagaron o conxunto dos traballadores/as da súa renda está no 23%. Unha diferenza que xa evidenciaba o seu carácter discriminatorio e constataba cal é o tipo de política impositiva que se sigue respecto dos traballadores e respecto das empresas.

Xunto a iso denunciamos a intención do goberno de privatizar parte de Aena e da lotaría a prezos de saldo. Unha decisión que consideramos que é pan para hoxe e fame para mañá.

Na CIG entendemos que efectivamente o estado vai conseguir de forma inmediata ingresos poñéndoas en mans privadas. Porén, consideramos que ao tempo pérdense dúas importantes fontes de ingresos que dificultarán aínda máis a capacidade do Estado para poder intervir en política económica, e a posibilidade de que se adopten medidas que favorezan á maioría social e non que se limiten a atender os intereses do capital privado.

Esta non é a primeira vez que se privatizan empresas que xeraban importantes ingresos para as arcas públicas (xa se fixera con Endesa, Telefónica ou Argentaria), e resultan unhas medidas profundamente equivocadas que non van a contribuír á saída da crise económica, senón que a van acentuar moito máis o déficit do estado.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive