15 de Decembro de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Comezaron as obras de arranxo da ponte do Perdouro en Burela que realiza a Deputación

21-02-11

Nota de prensa:

HOXE DERON COMEZO AS OBRAS DE ARRANXO DA PONTE DO PERDOURO NA ANTIGA N-642, SEGUNDO VEN DE ANUNCIAR O ALCALDE. OS TRABALLOS REALIZADOS POLA DEPUTACIÓN SUPORÁN UN INVESTIMENTO DE 74.000 EUROS.

Burela, 21 de febreiro de 2011. A Deputación de Lugo inicia o arranxo da ponte do Perdouro en Burela, segundo anunciou o alcalde, Alfredo Llano. A infraestructura resultou danada ao desbordarse o río dos Matos en xaneiro do pasado ano.

O rexedor comunicou “con certa ledicia que hoxe dan comezo as obras de recuperación da ponte do Perdouro, que resultou danada hai máis dun ano polo desbordamento do río dos Matos. Trátase dunha infraestructura básica de entrada e saída a Burela, que quedou moi afectada por aquela riada que tamén causou danos importantes nas zonas adxacentes como por exemplo a vía de Feve”. Alfredo Llano subliñou que “os traballos serán realizados pola Deputación de Lugo, previamente a Xunta quedara en facelo, pero ao alongarse no tempo a institución provincial tomou a iniciativa de levalos adiante. Son 74.000 euros de investimento e o prazo de execución é de dous meses, calculamos que a 20 de abril estará rematada”.

O alcalde burelés pide “paciencia aos veciños e veciñas de Burela que empregan a antiga estrada N-642 polas molestias que se lles poidan ocasionar en momentos puntuais. Os traballos, que afectan á marxe esquerda da calzada, incluén o corte do pavimento, a desmontaxe da barreira de seguridade, formigonado de soleira de 15 centímetros de espesor, colocación dunha tubaxe de formigón e dun muro de escolleira superior a 500 kilogramos en protección de taúdes, aglomerado en quente e sinalización vertical e horizontal”.

Llano dixo que “por fin temos esta obra en marcha, porque era algo que estábamos desexando ver xa feito” e agarda que “a Xunta tome exemplo e dea comezo a outras obras que tamén quedaron pendentes das riadas de xuño pasado e que afectaron a moitas zonas do noso concello. A máis grave é a localizada nunha estrada que hai entre o cuartel e a Vila do Medio, alí temos que colocar unha escollera o antes posible. A ver si Medio Rural se da presa para que por fin todo quede rematado e normalizado no noso concello”.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive