19 de Agosto de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

A Asociación Cultural Casa das Letras de Ribadeo pecha o ciclo de conferencias adicadas ao Camiño de Santiago

20-10-14

Ribadeo, 20 de outubro de 2014.- Entre os fins fundacionais da Asociación Cultural Casa das Letras figura, de xeito expreso, a contribución á posta en valor das rutas xacobeas, facendo fincapé no Camiño do Norte. Así o entendeu a Xunta de Galicia que nos inscribeu no censo de Asociacións Xacobeas de Galicia co número 202.

Dentro da nosa programación de actividades, ocupa un lugar importante a promoción do Camiño de Santiago; así, nos últimos meses organizouse un ciclo de conferencias que, baixo o título xenérico de Xornadas do Camiño de Santiago, permitiu achegar aos ribadenses e visitantes os aspectos máis salientables do Camiño Norte no País Vasco, Cantabria, Asturias e Galicia, así como o Camiño Primitivo na nosa Comunidade Autónoma. Foron impartidas por especialistas nas rutas xacobeas: Juan Ramón Fernández Pacios (O Camiño Norte en Galicia), Laureano García Díaz (O Camiño Norte en Asturias), Ricardo Polín (O Camiño Primitivo en Galicia) e Carlos Mencos (O Camiño Norte no País Vasco e Cantabria).

Pechará o ciclo o que foi Director do Centro de Estudos Galegos en Oxford, peregrino e ben coñecedor da Ruta Xacobea, John Rutherford; será unha charla-coloquio moderada polo periodista e peregrino José F. Alonso Quelle. Esta actividade que pecha o ciclo de conferencias sobre o Camiño de Santiago terá lugar o vindeiro venres 24 de outubro de 2014, ás 20:30 h na Casa das Letras de Ribadeo.

Tamén en relación coa promoción do Camiño de Santiago, organizamos a presentación da “Guía del Camino del Norte” do periodista e director da Editorial Buen Camino, Carlos Mencos. Esta publicación (a mellor guía completa do Camiño Norte en todo o seu percorrido pola cornisa Cantábrica) xunto coa páxina web do mesmo autor (www.jacobeo.net) son a auténtica referencia para os peregrinos que pretenden facer esta ruta xacobea.

Por outra parte, a finais do ano 2013 acadouse un acordo coa S.A. de Xestión do Plan Xacobeo de facer un Caderno de Viaxe adicado a todas e cada unha das 8 rutas xacobeas recoñecidas oficialmente en Galicia; o día 5 de decembro de 2013 presentouse o que corresponde ao Camiño do Norte. Na actualidade xa estamos a traballar no caderno correspondente ao Camiño Primitivo, que verá a luz en decembro de 2014.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive