11 de Decembro de 2018

Correo | Favoritos  | Imprimir   

A subdelegada do Goberno eloxia o compromiso do Concello de Viveiro na loita contra a violencia de xénero

08-10-18

Viveiro, 8 de outubro de 2018.- A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, e a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, presidiron hoxe a sesión de constitución da Mesa Local contra a Violencia de Xénero, na que tamén participou a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella. O acto tivo lugar esta mañá na Casa do Concello de Viveiro e reuniu a representantes de todas as institucións e entidades que xogan algún papel na prevención e na loita contra a violencia de xénero. Ademais da subdelegada do Goberno e a alcaldesa de Viveiro, na xuntanza participaron a nova xefa da Unidade contra a Violencia sobre a Muller da subdelegación do Goberno, Verónica Eiravella; a Concelleira de Muller, Lara Fernández Fernández-Noriega; así como persoal técnico da Concellería da Muller e os ServizosSociais, representantes da Garda Civil, a Policía Nacional e a Policía Local; dos CEIP de Covas, Celeiro e Santa Rita de Galdo, o CPR Landro de Viveiro, o CEP LoisTobío e o IES Vilar Ponte de Viveiro; do Xulgado, o Centro de Saúde e a Oficina de Emprego de Viveiro, e representantes dos grupos políticos que forman a Corporación municipal.

A subdelegada do Goberno explicou que Viveiro convírtese hoxe no primeiro Concello da provincia de Lugo que constitúe unha Mesa Local contra a Violencia de Xénero trala reforma lexislativa coa que o Goberno de Pedro Sánchez devolveu aos concellos competencias nesta materia. Isabel Rodríguez destacou a iniciativa do Concello de Viveiro e eloxiou o compromiso da alcaldesa nas políticas de loita contra a violencia de xénero impulsadas polo Goberno.

A subdelegada informou de que actualmente son 14 os casos activos de violencia de xénero no concello de Viveiro, cifra que representa o 2,92% do total da provincia. Deles, 2 están declarados de risco medio, 3 son de risco baixo e 9 de risco non apreciado. Tamén subliñou que se presentaron un total de 19 denuncias por violencia de xénero no que vai de ano.

Pola súa parte, a alcaldesa vivairense asegurou que “as institucións non podemos permanecer pasivas mentres cada día se coñecen novos casos de violencia de xénero, por iso tomamos a iniciativa de constituir en Viveiro a Mesa Local”. María Loureiro declarou que “no Goberno de Viveiro estamos moi sensibilizados cos temas de igualdade e poñemos todos os recursos dos que disponemos para loitar contra a violencia machista”. Tamén explicou que “convocamos a participar na Mesa a institucións e entidades que traballan no noso concello e que teñen competencias en seguridade, xustiza, educación, sanidade e emprego, porque penso que só traballando xuntos poderemos acabar con esta lacra”.

PRIORIDADE PARA O GOBERNO
A subdelegada lembrou que a loita contra violencia de xénero é unha prioridade absoluta para o Goberno de España, como o demostra o feito de que unha das primeiras medidas adoptadas polo Executivo foi a modificación lexislativa que devolve aos concellos, a administración máis próxima aos cidadáns, as competencias en materia de igualdade e de violencia de xénero, que vai acompañada da transferencia de recursos económicos para que poidan poñer en práctica políticas nesta materia. Para o que queda deste ano 2018, o Estado destina a este fin 20 millóns de euros e para o ano que vén serán 40 millóns de euros. O 70% destes fondos repártense equitativamente entre todos os municipios e o 30% restante adícase só aos concellos que están adscritos ao programa Viogén de protección das vítimas.
A distribución das achegas que recibirán todos os concellos faise partindo dunha cantidade fixa de 689 euros por municipio á que se engade outra cantidade variable que se obtén multiplicando por 0,18 o número de habitantes de cada concello, tomando como referencia o padrón de 1 de xaneiro de 2017.
SISTEMA VIOGÉN
A nova normativa establece que recibirán unha achega adicional os concellos que estean adheridos ao Sistema de Seguemento Integral de Violencia de Xénero (Viogén), xa que se reserva para este fin unha parte do fondo estatal. Estes posibles remanentes serán distribuídos proporcionalmente entre todos os municipios que participen no Viogén.
Este sistema creouno a Secretaría de Estado de Seguridade do Ministerio do Interior en 2007 co obxectivo de aglutinar ás diferentes institucións públicas que teñen competencias en materia de violencia de xénero, integrar toda a información de interese que se estime necesaqria, facer predicción de posibles riscos, atendendo ao nivel de risco, realizar seguemento e protección das vítimas en todo o territorio nacional, efectuar un labor preventivo, emitindo avisos, alertas e alarmas mediante o “Subsistema de Notificacións automatizadas”, cando se detecte alguna incidencia ou acontecemento que poida poñer en perigo a integridade da vítima.
PROVINCIA DE LUGO
A subdelegada do Goberno informou de que os 67 concellos da provincia recibirán máis de 106.000 euros e no exercizo de 2019 vanse superar os 212.000 euros. A esa cifra engadirase o remanente que recibirán os que se integren no programa Viogén.
Coa incorporación de Viveiro, xa son 11 os concellos da provincia que teñen creadas mesas de coordinación institucional contra a violencia de xénero, e 3 concellos –Burela, Ribadeo e Vilalba- están plenamente integrados no Viogén, coa incorporación das respectivas policías locais no Sistema de Seguemento Integral dos Casos de Violencia de Xénero.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive