11 de Decembro de 2018

Correo | Favoritos  | Imprimir   

O Alcalde de Barreiros deixou o Concello abandonado, producíndose unha situación esperpéntica derivada dunha fuga de auga, asegura o BNG

04-10-18

Barreiros, 4 de outubro de 2018. “No día de onte, mentres en Remior se producía unha fuga de auga que deixaba sen subministro a practicamente todo San Cosme, o alcalde de Barreiros estaba ausente e, novamente, sen deixar delegación en ninguén do equipo de goberno”, asegura a portavoz municipal do BNG, Ana Ermida.
“O acontecido onte demostra que este goberno municipal ten na cabeza calquera cousa, menos as necesidades de Barreiros”, continúa. “En calquera concello normal, unha fuga na traída da auga arránxase con certa axilidade e, desde logo, de ser de gravidade mantense informada á poboación e tómanse as medidas para evitar situacións coma as de onte.”
“O que aconteceu en Barreiros foi que se produciu unha fuga nunhas tubaxes con moita antigüidade e que non teñen as condicións para soportar o subministro actual de auga. Pero a todo isto, sumouse o descoñecemento por parte do goberno municipal de como actuar neste caso; derivado da improvisación e da falta de planificación”, aseguran desde o BNG.
“Non é normal que durante horas se estea furando ata dar atopado a fuga e tampouco saber onde se atopa a chave para pechar o abastecemento, intentando así evitar a perda de auga dos depósitos. E é moito menos normal que pase isto cando se vén de licitar un contrato de mantemento da rede de subministro por 242.000 euros no que se supón se debera valorar previamente o estado da actual rede, a situación, a extensión, etc.”, relata Ana Ermida.
“Está claro que o goberno municipal, co alcalde como máximo responsable, desatenden as súas funcións ao sacar un contrato no que nin sequera especifican as características da rede da que se saca. Sácano dun xeito opaco e sen garantir que as empresas que liciten coñezan, a priori, as necesidades da rede. De feito, nas obras de onte participou a empresa adxudicataria deste servizo e todo parece indicar que aínda non ten detectadas as eivas na rede, a xulgar polo tempo transcorrido”, manifestan.
Desde o BNG queren recoñecer a labor de servizo público ao ex-traballador municipal que acudiu á axuda das labores para localizar os puntos conflictivos e que permitiu o desenlace da situación, preto de 20 horas despois de terse iniciado.
O alcalde ausente e sen ninguén ao frente do Concello.
Novamente, como xa acontecera ao inicio do verán, o alcalde atópase fóra de Barreiros e non deixou delegadas as funcións da alcaldía en ningunha persoa do equipo de goberno. “Isto amosa a falta de confianza e de equipo do goberno, xa que non é normal que o alcalde marche toda a semana e non quede unha persoa responsabilizada e con competencias para resolver calquera cuestión que poida producirse. No día de onte, estaba presencialmente na fuga o tenente alcalde, pero nin sequera tería por que estar, xa que se estaba responsabilizando dunha situación que lle correspondía a un alcalde que se atopa de descanso”, manifestan desde o BNG.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive