23 de Xullo de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Con Pólvora e Magnolias: “Voitres”, por Pablo Álvarez Ramos

21-03-19

A crise económica que bateu con forza sobre nós segue a prorrogar os seus efectos.
As hipotecas, que atraparon a milleiros de familias nun labirinto infinito de débedas, remataron en moitos casos en traxedia.
Crédito barato, vivendas mercadas a prezos moi superiores ao seu valor real consecuencia da burbulla, que xunto co crecemento do desemprego, trouxo consigo o aumento notable das execucións hipotecarias.
Nese contexto xurdiu o debate a propósito de si era convinte introducir a dación en pago da vivenda hipotecada, isto é, entrega do inmoble é igual á extinción da débeda.
O primeiro antecedente histórico foi o do dereito romano: hai quen di que o precursor en conceder tal gracia foi Xulio César no tempo de guerra, aínda que nun sentido máis próximo ao actual, foi o xurista Xustiniano quen recollía este dereito consistente na entrega do ben para salvar a obriga.
Na España do noso tempo, no ano 2013, a Plataforma de Afectados pola Hipoteca –PAH- promovía unha iniciativa lexislativa popular para reformar a lei hipotecaria.
A intención desta asociación era introducir a dación en pago forzosa, isto é, que naqueles supostos nos que non se puidera asumir o pago, a entrega do ben hipotecado extinguiría sempre a débeda.
Debe vostede saber que no noso actual sistema xurídico non existe esta figura, pero si a dación en pago voluntaria. En efecto, a lei hipotecaria prevé que banco e cliente poidan pactar na escritura que a obriga garantida se faga efectiva só sobre os bens hipotecados. Tamén pode darse a circunstancia de que unha vez tivo lugar a insolvencia o banco acepte a entrega do ben como dación.
Distintas posibilidades e unha materia pendente: que a dación en pago forzosa se fixera extensible a todo o mundo.
E andabamos batallando a propósito da reforma da lei hipotecaria cando apareceu en escena outro actor: Facenda.
O Tribunal Supremo desestimaba no día de onte un recurso de Caixabank que entendía que a dación en pago non tributaba, porque a base impoñible era a débeda que se extinguía.
Craso error, a máis alta instancia xudicial do estado confirmaba o criterio da Axencia Tributaria e condenaba á entidade bancaria a pagar o 10% da diferencia entre o valor de taxación da hipoteca e o da dación.
No medio de todo este dislate onde a lei non permite a dación pero si a grava, debe ter a convicción de que sempre se pescou mellor en auga revolta, que os voitres sempre gustaron da carroña.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive