20 de Maio de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

“Vou vello”, Artigo do editor de crónica3, Félix Jorquera

16-05-19

Si, definitivamente vou vello. Din que un dos síntomas da idade é non calar o que pensas. Vendo o remate da túa vida non tan lonxe, debe ser que non reparas en diplomacias ficticias ou agradar a todo o mundo. Eu estou nesa etapa, en grao premium.
En que intre pensamos que moitos servizos son gratis por dereito?. Foi internet, que nos deu moito a cambio de nada?. É posible. Dende que premendo un botón vemos cine, escoitamos música, lemos a prensa ou un libro, ou gozamos cun concerto do noso artista favorito en HQ, pensamos que detrás desa acción só hai altruismo. Pero a verdade é que facer unha película custa un pastón, o mesmo que gravar un disco, sen esquecer a autoría intelectual de quen pon o mellor de si nun traballo ou obra.
Se estás lendo isto agora mesmo neste medio é porque alguén, neste caso un servidor, adica moitas horas ao día para que esta web sexa viva e chea de actualidade. Non o fago por afección, xa que é a miña profesión, a comunicación. A recompensa (económica), chega exclusivamente a través da publicidade que conseguimos e da que estamos moi agradecidos. Concelllos, empresas, administracións, asociacións, etc.
Agora que estamos en campaña, o traballo de manter ó día o medio duplícase pola cantidade de información política que as forzas nos mandan. É por iso que hai uns días, tomeime a liberdade de envíar a todas elas unha proposta de publicidade. Acción fallida, de todos os correos, só unha contestou educadamente que o estudarían. Pasados os días e vendo que non obtiven ningún tipo máis de resposta, volvín a mandar outro mail que decía textualmente: “Boas. Mandeivos hai uns días un correo cunha oferta para espazo publicitario na nosa web. Non debiu de chegar, pois ninguén contestou, agás Ciudadanos Burela. Polo que entendo que debiu de haber un problema de recepción. Raro en todo caso, pois mandeino a todas as direccións nas que recibo a diario as vosas informacións. Un cordial Saúdo. Félix Jorquera”. Desta segunda tentativa conseguín outra contestación, tamén correcta de que o valorarían.
Vaia por diante que acepto un non por resposta, faltaría máis. Non están na obriga, e poden ser varios os factores que determinen unha non contratación. O que me custa máis entender é que a maioría deles non se dignara en contestar, o que fose, pero contestar. Por exemplo: “nesta ocasión non será posible, pero mirámolo noutra”. Iso é o que dicta a lóxica e as boas formas, máis a un medio ao que lle mandas todo o ano información e todo o ano a publica, domingos e festivos incluídos. E se isto é posible, non é grazas a unha moderna aplicación que sube automáticamente esas notas á web. O é porque este que escribe sacrifica, domingos e festivos incluídos, o seu tempo de ocio, descanso ou de compartir horas cos seus seres queridos, para que esas informacións que envían, entre outros, uns remitentes que só teñen canle unidireccional de non retorno, saian publicadas.
Si, estoume facendo vello ou son un anticuado, ou as dúas cousas, mais eu son deses que aínda gosta de facer valer aos demais que o seu traballo é tido en consideración.
Será herencia do meu pai, home de negocios, puntual e de honor, quen sempre tiña frases das que aprender nestas ocasións. “Se é posible, é moi importante deixar sempre as portas abertas, nunca se sabe”. Tiña razón, moita.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive