14 de Novembro de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

“O libro como ferramenta: asociacionismo e cultura”, por Antonio Gregorio Montes

08-07-19

Co fondo da mesa redonda mantida dentro das actividades da feira do libro de Ribadeo, ‘Letras no Campo’, edición de 2019, deixo algunha reflexión propia misturada con a experiencia de edición da AVV O Tesón (Ribadeo no tempo, a través das imaxes -outro Ribadeo foi posible-, Sobre os castros de Ribadeo, Ría de Ribadeo -cartas-, In memoriam: José María Rodríguez Díaz):
Dende a asociación, sempre consideramos a cultura como unha faceta importante para guiar o desenvolvemento de actividades, inseparable de calquera outra a realizar para atopar e dar a coñecer a historia e o ser de Ribadeo. Dinamizar socialmente ten tamén unha dimensión de dinamismo cultural; sen ela, o proxecto esgótase.
Dentro do activismo cultural da nosa sociedade, a edición de libros tivo un lugar importante ata o momento. Mais, en calquera caso, todas as edicións foron deficitarias: tratouse sempre de aproveitar os cartos para levar adiante unha actividade na que críamos, cunha distribución mixta, a socios e librerías, procurando así non deixar cerrada a actividade ós socios, senón abríndoa a toda a sociedade. Algo que non evitou o déficit económico.
Na actualidade, o ISBN, necesario para defender a publicación cobrando, xa ten un custe derivado de ter pasado a unha entidade privada a súa xestión. Un custo non só económico directo, senón de estruturación das asociacións como empresas, complicándolles a vida e empurrándoas cara á perda do seu sentido asociativo, á ilegalidade ou á inactividade.
O anterior é só unha faceta da mercantilización da cultura, na que as asociacións moitas veces non sabemos movernos, pode que sinxelamente porque sexamos reacias a movernos nun sistema que vemos perxudicial para o noso propio sentido de ser.
Tamén significa un choque redundante, cultural, no que as verbas substitúen o seu significado ou aparecen novos fenómenos que nomear, e o apelido ‘cultural’ sinxelamente, perde o seu sentido. Por exemplo, as asociacións de veciños como a nosa teñen que convivir en maior ou menor grao coa xentrificación. O seu significado ven sendo primar as cousas con cartos para a súa conversión en máis cartos, e iso, de diversos xeitos, implica que a xente pase a ser secundaria, substituíble, que se poda largar fóra. Parar isa tendencia pasa entre outras cousas, por recuperar o termo humanizar, secuestrado para significar inversión no espazo urbano que pode facer máis agradable ese espazo ‘á humanidade’. Agora ben, os veciños inmediatos do lugar son ‘a humanidade’ á que debera aproveitar en primeiro lugar, e cando se pon en xenérico ‘a humanidade’, non é así, e vense desprazados, como ocorre en numerosos lugares. Logo ‘humanizar’ ten que ser outra cousa…
En fin, reflexións deslavazadas que poden -deben?- continuarse sobre un asociacionismo que en xeral non está nos mellores momentos, copado por xente xa maior e con déficit de xente nova e de esperanzas no futuro. Si hai asociacións, cada vez máis, deportivas, ou adicadas a unha actividade concreta, aínda que moitas sexan só un grupo de amigos unidos por unha certa costume que as mantén un tempo ata que comezan a decaír no seu ciclo vital. E hai asociacións culturais que están pasando por bós momentos. Mais, en xeral, os problemas, os atrancos institucionais e a inacción superpóñense, necesitando un cambio de modelo. Para cal, sen perder o seu obxecto e o seu esprito?

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive