18 de Setembro de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

“Viveiro aberto ao mar”, por José Manuel Balseiro, Delegado territorial da Xunta en Lugo

19-07-19

O pasado xoves culminaba un proceso –complexo e longo– polo que a Xunta dotaba á cidade de Viveiro de máis de 300 prazas de aparcamento público e gratuíto a escasos metros do centro histórico. Un novo servizo que permitía o aproveitamento de máis de 8.000 metros cadrados do peirao antigo, hoxe sen usos portuarios.

A Xunta atendía así unha demanda social e comercial e facía fronte tamén a un compromiso adquirido polo Goberno de Feijóo para corrixir a falta de iniciativa doutras administracións incapaces de crear novas prazas de estacionamento gratuíto pese a que para todos era evidente que se trataba dunha das principais carencias da cidade.

Hai quen pode discutir tempos e ritmos, quizais porque non é sinxelo trasladar a complexidade dun longo procedemento que obrigou ao rescate de concesións en vigor, en moitas das 12 naves que ocupaban o espazo que hoxe é unha explanada, libre, ampla e ao servizo da veciñanza.

Tamén hai quen nin come nin deixa comer, amosando pouco respecto institucional e unha demagoxia desbordante. A alcaldesa pediu expresamente que non iniciásemos as obras durante a Semana Santa e sabía que, polo prazo de execución dos traballos, non era posible ter a zona aberta durante o Resurrection Fest ou o Mercado Renacentista. Priorizou un evento sobre os outros e agora nos critican por atender a súa petición. Sen esquecer que a Xunta foi quen de ofrecer zonas de aparcamento alternativo no tempo no que duraron as obras.

Non ten sentido insistir en polémicas que enturben unha realidade: o Goberno de Feijóo foi quen de cumprir a súa promesa de multiplicar os espazos de aparcamento gratuíto na cidade e eliminar as naves recuperando unha imaxe espectacular da ría, poñendo en valor unha paisaxe extraordinaria. Un paso decisivo nun proceso, o de rehabilitación da fachada, co que seguimos comprometidos: por un Viveiro aberto ao mar.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive