18 de Setembro de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

As analíticas de sanidade na praia de Arealonga desaconsellan o baño en dito areal barreirense

23-08-19

 Barreiros, 23 de agosto de 2019. A última hora da mañá de hoxe o Concello de Barreiros recibiu unha comunicación de sanidade sobre a existencia de enterococos intestinais (escherichia coli) en niveis que superan o valor aceptable establecido de contaminación microbiolóxica na auga de baño. Por esta razón, desde o departamento autonómico instaron á entidade municipal a sinalizar a recomendación de non bañarse na praia de Arealonga, á espera dunha nova analítica na vindeira semana. O Concello procedeu a colocar carteis informativos sobre a contaminación temporal, xunto coa recomendación de non bañarse.
Desde o goberno municipal explican que a presenza de enterococos intestinais vén dándose especialmente nos últimos anos a consecuencia dos problemas de depuración das augas residuais que existen nas parroquias de San Miguel e Reinante. “Por esta razón, entre outras, é urxente acometer as obras necesarias para a construción dunha nova depuradora en San Miguel que, tal e como recolle o proxecto elaborado por Augas de Galicia, solucionaría o saneamento que provoca verquidos en dito areal.”
O Concello lembra que xa existe un proxecto concreto e que o goberno municipal trata de sacalo adiante.
Lembran ademais que, pese ás declaracións do delegado da Xunta, a administración autonómica ten asumido noutros lugares obras similares e, mesmo en Barreiros, existiu hai un tempo un compromiso para aportar unha importante suma de diñeiro a un convenio para a mellora e ampliación das infraestruturas de saneamento entre as que se atopaba esta mesma depuradora.
“Existindo xa ese proxecto concreto para afrontar o problema de depuración das augas residuais de Barreiros que demanda o delegado e que foi redactado e cuantificado por Augas de Galicia, desde o Concello tomamos a iniciativa de iniciar un diálogo con outras administracións para analizar a posibilidade de execución do mesmo. E nese sentido e nese contexto se encadran as misivas enviadas aos distintos departamentos da Xunta que entendemos poden ter interese e implicación na solución”, relata a alcaldesa.
Ana Ermida manifesta que “a disposición do Concello é buscar solución a un problema existente desde hai anos e, sendo conscientes da imposibilidade de que esta sexa dada exclusivamente polo Concello, debemos buscar a colaboración interadministrativa en beneficio das veciñas e veciños e fuxir de sectarismos ou apriorismos insubstanciais que non levan a solución algunha”.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive