12 de Decembro de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Daniel Vega acusa a Fernando Suárez de “falta de transparencia” por non ter dado explicacións sobre o funcionamento da residencia de maiores de Ribadeo

14-08-19

 Ribadeo, 13 de agosto de 2019. O voceiro do Grupo Municipal Popular de Ribadeo, Daniel Vega, esixiulle explicacións a Fernando Suárez durante a celebración do pleno extraordinario solicitado polos populares para aclarar o funcionamento do centro de atención a maiores como responsable da administración local -xa que o centro é de titularidade pública- e pediulle que “non divague”. Así, o popular instou ao rexedor nacionalista a que “explique claramente se concedeu a licencia municipal para a apertura da residencia da terceira idade sen ter certificada a posta en marcha de tódolos servizos para o seu correcto funcionamento”.

Vega sinalou que “as licencias non se conceden parcialmente e, polo tanto, debería o centro residencial contar con tódalas certificacións antes de ter concedida a licencia de apertura”. O voceiro do PP de Ribadeo considerou “intolerable” a falta de resposta de Fernando Suárez sobre o funcionamento da residencia da terceira idade ribadense porque “é a súa obriga render contas aos veciños e veciñas” e lamentou a actitude que mantivo o rexedor durante a sesión plenaria.

O popular recordou que a solicitude para a convocatoria deste pleno extraordinario “non foi a primeira medida que adoptamos. Primeiro solicitamos documentación e logo a convocatoria dunha reunión da xunta de portavoces que a Fernando Suárez non lle interesou convocar”, explicou.

O voceiro do PP aclarou, nese sentido, que “só o Grupo Municipal Popular pediu formalmente esa reunión. O PSOE só a anunciou publicamente sen chegar a solicitala polas canles administrativas correspondentes”. Polo tanto, “a xunta de portavoces non foi convocada por non ser solicitada por dous grupos municipais”. Así, os populares consideran “unha falta grave” por parte dos socialistas non presentar a solicitude, “no caso de que descoñezan o funcionamento da Administración local e, de ser coñecedores e decidir non presentar esta solicitude debido a pactos entre as dúas forzas coma os que se dan nos Gobernos doutras Administracións”, convídanos a aclarar xa que “non forman parte da oposición” neste municipio.

Así mesmo, acusan a Fernando Suárez e ao Goberno do BNG de “falta de talante dialogante e de transparencia. Se o equipo de Goberno local quixera mostrar vontade de transparencia, como Grupo Municipal que constitúen, puideron solicitar tamén a reunión da xunta de portavoces apoiando a nosa petición para aclarar a situación real do funcionamento dos distintos servizos da residencia de maiores do municipio”, dixo Vega.

A pesar de que as instalacións non contaban con tódolos servizos, foron inauguradas con “pomba e boato”
O voceiro do Grupo Municipal do PP sinalou que “o centro residencial foi inaugurado ata en dúas ocasións nas que os actos se converteron en mitins”. Pero, ademais, na segunda ocasión tratouse dun evento “con moita pompa e boato” ao que foron convidadas numerosas autoridades. Insisten os populares en que “é unha vergoña celebrar estes actos de cara á galería cando, no momento da apertura do centro, non se estaban a ofrecer os servizos completos aos usuarios e usuarias”.

Vega recordou que “no momento de abrir as súas portas, o centro non contaba con servizo de gas porque non fora dado de alta debido a que a instalación carecía da necesaria certificación –e, polo tanto, non funcionaba a cociña do centro residencial, nin a secadora nin a prancha-”. Deste xeito, “a comida dos usuarios e usuarias procedía dun servizo de cátering do que descoñecemos tamén o procedemento a través do que foi contratado” e, “o mesmo, co servizo de lavandería”.

Dende o PP de Ribadeo cren que “é moi importante coñecer se cumpre o índice legalmente establecido de número de traballadores por usuario ou usuaria” e, por iso, preguntaron tamén polo ratio de persoal. Con respecto ás traballadoras da residencia, dende o Grupo Municipal Popular amosaron o seu “respecto e agradecemento” polo seu “traballo e dedicación”.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive