28 de Novembro de 2020

Correo | Favoritos  | Imprimir   

O PP impón no pleno da Deputación a súa preocupación e interese polas infraestruturas da provincia

29-10-19

 Lugo, 29, outubro, 2019. A sesión plenaria celebrada hoxe pola corporación provincial deixou claro que só o Partido Popular se interesa realmente pola mellora das infraestruturas na provincia de Lugo. O PP conseguiu sacar adiante as súas propostas para frear o posible empeoramento dos servizos ferroviarios de viaxeiros entre Lugo e Barcelona, así como para a construción dun novo pavillón polideportivo na capital. Quedou claro, no debate dunha moción presentada polo Bloque, que o desdobramento do corredor Nadela-Monforte está a punto de ser licitado e, polo tanto, de que comecen as obras. Ao final da sesión, os populares presentaron unha pregunta en relación coas previsións do goberno provincial para corrixir as deficiencias que impiden a apertura do complexo de Aguasmestas, en Quiroga. Igualmente, presentou varios rogos para conseguir melloras en catro estradas provinciais, que se atopan en moi mal estado. Nesta mesma sesión plenaria quedou claro tamén que o obxectivo a bater tanto para o PSOE como para o BNG é a Xunta, a máis concretamente, o seu presidente, Núñez Feijoo.

O popular José Antonio García deixou claro, ao fío dunha moción do BNG, que coñece ben a importancia do corredor Nadela-Monforte para a comarca de Sarria. García someteu a análise o feito pola Xunta bipartita en relación co citado corredor e o que fixeron os gobernos presididos por Alberto Núñez Feijoo, incluído o actual. Nesta liña, fronte ao falar por falar dos nacionalistas, o citado deputado provincial recordou que o DOG xa publicou o proxecto de inicio do desdobramento do corredor, para a primeira fase, cun orzamento de 23 millóns. Esta obra, asegurou, farase en dous anos. Sinalou que foi o propio Feijoo, cando era conselleiro de Política Territorial, o que lanzou a idea deste corredor. «Os de Lugo non somos nin tontos, nin parvos e moito menos se consideran cidadáns de segunda»; así respondeu García as repetidas afirmacións de que se trata aos de Lugo como cidadáns de segunda. Tras escoitar aos portavoces do PSOE e do BNG, o deputado popular asegurou: «Dóelles que as obras continúen e se vaia articulando a provincia». O PP apoiou a moción nacionalista para que a Xunta dea prioridade nos seus investimentos ao desdobramento do corredor.

O Partido Popular deixou constancia da súa preocupación polo que parecen ser plans de Renfe para substituír o actual material rodante para servizos de viaxeiros no tren hotel Lugo-Barcelona por outro máis antigo, que podería incrementar aínda máis o tempo de viaxe e facelo máis incómodo. A defensa desta iniciativa, co obxectivo de instar ao Goberno central á mellora das comunicación entre Galicia e Cataluña, correu a cargo da deputada Dolores Castro. Tanto o PSOE como o BNG, á hora de votar, decidiron absterse. Castro deixou claro que a moción que defendeu tiña como obxectivo frear calquera plan de Renfe para empeorar o servizo de tren hotel. Aproveitou a ocasión para recordar que non é a primeira vez que os grupos de goberno acusan ao PP de presentar mocións para facer «circo» e que despois se comproba a necesidade de tales iniciativas. Indicou que sería moi malo para a provincia que se materializase un cambio como o que anunciaron distintos medios de comunicación.

Preocupación compartida pola plataforma Lugo Non Perdas o Tren
A preocupación en Lugo polo futuro dos servizo ferroviarios é compartida por diversos sectores da sociedade. A plataforma Lugo Non Perdas o Tren quere que as máis altas instancias de Renfe respondan a varias preguntas, entre elas unha sobre o presunto cambio de material rodante, para poñelo máis antigo, na conexión Lugo-Barcelona.

Polo seu lado, Óscar Poy, polo Grupo Popular, logrou a unanimidade da corporación provincial para a súa proposta para a construción dun novo pavillón polideportivo na capital lucense e a redacción e aprobación dun regulamento para o uso das instalacións deportivas da Deputación. O citado deputado popular resaltou que todas as asociacións deportivas poñen de manifesto o feito da falta de infraestruturas deportivas na capital. Por outro lado, mostrouse convencido de que a aprobación dun regulamento consensuado evitará moitos problemas á Deputación.

Na mesma liña de interese pola mellora das infraestruturas da provincia, o Grupo Popular presentou no pleno de onte rogos para a mellora das seguintes estradas provincias: LU-P 0707 Armesto-Torés-Nogais, que no tramo de As Nogais entre os quilómetros 7 ao 16 está en moi mal estado: LU-P 4404 Riocabo-Aldurfe-As Rodrigas, do quilómetro 11,5 ao 18, en Riotorto; LU-P 1301 Seoane do Courel-Hospital e ramais a Piñeira e Lousada, entre os quilómetros 14 ao 20; LU-P 6406, en O Vicedo, Cristo da Portapena-Ponte Segade, especialmente no tramo máis próximo a Montesegade.

Noutro orden de cousas, por unanimidade, tras un cambio proposto polo PP, foi aprobada a moción presentada polos grupos de goberno para solicitar medidas urxentes para garantir o futuro de Alcoa-San Cibrao e Endesa-As Pontes. O deputado popular Agustín Baamonde tirou de cuña da mesma madeira socialista que o presidente da Deputación para iniciar a súa intervención coa coñecida frase de Alfonso Guerra: «A este país non o coñece nin a nai que o pariu». E atribuíu tal estado de cousas ao Goberno de Pedro Sánchez: «Arde Barcelona, carbonízanse As Pontes, electrocútase Alcoa, conxélase a economía, descarrila o AVE e todo por obra e graza dun Goberno que a base de estar continuamente en funcións está conseguindo que aquí non funcione absolutamente nada». Interpretou que o goberno provincial presentou á moción porque houbo «unha reacción social fortísima, con tres concentracións multitudinarias na Mariña lucense, unha folga xeral nas Pontes, mobilización de transportistas do carbón cara Madrid, a convocatoria dunhas eleccións para o 10 de novembro; iso foi o que fixo que o Goberno da nación e tamén este goberno provincial tomasen conciencia do problema». Hai que recordar que no seu momento, os socialistas votaron contra mocións do PP en apoio de Alcoa-San Cibrao e de Endesa-As Pontes; o propio presidente da Deputación, José Tomé, usou no seu día o seu voto de calidade para rexeitar unha desas mocións populares.

Por unanimidade tamén foi aprobada a moción do grupo socialista para reclamar a segregación da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao e a creación da Autoridade Portuaria de San Cibrao. Polo PP interveu Jesús Novo, que deixou constancia da larga lista de acordos e pronunciamentos que sobre este asunto en distintos ámbitos institucionais, puntualizou algún aspecto das intervencións dos portavoces dos grupos de goberno e destacou que converter en porto comercial o dique de Alcoa e conseguir a autoridade portuaria «sería estupendo polos postos de traballo que crearía».

Noutro punto da orde do día foi aprobado coa abstención do PP o regulamento do Servizo de Audiovisuais da Deputación Provincial. Neste caso, a voceira do Grupo Popular, Elena Candia, destacou o valor do consenso e dixo que os acordos acadados no pasado mandato serán respectados independentemente de cales sexan as circunstancias políticas en cada momento.

A sesión plenaria completouse cunha declaración institucional subscrita por todos os grupos que conforman a corporación con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia Machista.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive