25 de Xaneiro de 2021

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Javier Castiñeira lamenta “a nula vontade política” de Tomé para dotar á Mariña dos servizos demandados no Pleno da Deputación

27-11-19

 Lugo, 27 de novembro, 2019. O vicevoceiro do Grupo Provincial do Partido Popular, Javier Castiñeira, lamenta “a nula vontade política” do presidente da Deputación para dotar á Mariña dos servizos demandados onte no Pleno, a pesares de ser competencia directa da institución que dirixe. Castiñeira refírese á oposición amosada polo bipartito no relativo á petición realizada polos populares sobre a execución do polígono de Riotorto e á mellora das estradas 1502 e 2604. A primeira comunica Burela e San Román e é unha das comunicacións máis importantes da zona, ao dar acceso ao hospital. A segunda, enlaza Xove con Valcarría.
Nos tres casos, existía un compromiso asumido polo anterior goberno provincial, de aí que os populares, unha vez constatada cos veciños, alcaldes e voceiros a necesidade de acometer estas actuacións, se dirixisen ao presidente co fin de que este dese luz verde aos proxectos. “O que debía ser unha resposta afirmativa, foi todo o contrario, pois no caso da área industrial de Riotorto, tan só o PP votou a favor, demostrándose así a pouca intención dos socialistas e nacionalistas para crear esta infraestrutura en dito municipio”, manifesta Castiñeira.
Polo que respecta ás vías provinciais citadas, a petición os populares formulouse a través dun rogo e dunha pregunta, respectivamente. En ambos os dous casos, a resposta do dirixente provincial “tivo o mesmo calado”, que foi, subliña Castiñeira, “a de non ter ningún interese” por cumprir os compromisos que os seus precedesores asumiran noutros mandatos.
“Pouco peso político dos deputados da Mariña que están no goberno”
“Isto é o que nos fai concluír que só o Grupo Provincial do PP cumpre cos veciños da Mariña, trasladando á Deputación as necesidades dos mesmos. O bipartito debe explicarlles os motivos polos que se pon de perfil nestes tres proxectos tan relevantes e que, pola contra, si que entraban na axenda política dos dirixentes anteriores. Non facer o polígono e non mellorar estas dúas estradas é, cando menos, e dígoo sen ningún tipo e acritude, unha irresponsabilidade do presidente e dos seus socios de goberno”. Por este motivo, o popular lamenta o “pouco peso político” que teñen os deputados da Mariña “para facer valer os intereses dos seus veciños”. “Tanto a deputada de Viveiro, como de Trabada e de Ribadeo, coñecen a necesidade de arranxar estas estradas e facer o polígono de Riotorto. Opoñerse como o fixeron, non ten xustificación”, conclúe.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive