13 de Agosto de 2020

Correo | Favoritos  | Imprimir   

“Aquí como en Viena 2019”, por Antonio Gregorio Montes

22-12-19

Ribadeo, 28 de decembro de 2019. Non é unha inocentada. É o concerto da Banda Municipal de Música de Ribadeo, da banda de moitos ribadenses. En diversos graos, de naturais, afincados ou visitantes. Músicos, exmúsicos, público, todos en familia. Concerto con algunha inocentada polo medio, si, como cando a presentadora iniciou a súa efémera función saindo dicir -despois dun estrondo no interior da zona do escenario- que o concerto se suspendía por unha caída do director nas escaleiras ó almacén interno.
O concerto Aquí como en Viena é unha cita clásica en Ribadeo, tradición de Nadal e actividade con base social, nun auditorio Hernán Naval tamén de xeito tradicional a tope e ó tempo, un ambiente entrañable, familiar. Con risas no entramado como corresponde ó 28 de decembro. Mais tamén con ballet como representación viva nalgunhas pezas, e coa ledicia da música, en todas.
Un concerto con dúas partes, como tamén xa ven sendo clásico. Unha primeira, innovadora, e unha segunda, tradicional. Máis un extra, neste caso, No belo Danubio Azul, e un remate, como mandan as edicións pasadas de Aquí como en Viena dende o primeiro así chamado o 26 de decembro de 1993, a Marcha Radetzky.
Non é un concerto de 28 de decembro, aínda que este ano coincidira, nin de día un, senón do fin do ano. Pois non se trata de imitar a Viena, senón de recoller o mesmo esprito ó aire de aquí, como se manifestou o ano no que se chamou, invocando rebeldía en varios sentidos, Como aquí, nin en Viena.
As obras da primeira parte, todas en estrea na banda, estiveron dominadas pola mistura de épocas e lugares. Así, sucede por exemplo, no Bolero de Noël, mistura o Bolero de Ravel co típico canto de Nadal, con resultados sorprendentes, ou en calquera das outras pezas desdte grupo.
Pero para min, a segunda parte, clásica, tivo un significado especial a causa da Marcha militar nº 1, opus 51 de Franz Schubert. E é que o 31 de xaneiro de 1992, o día da presentación da banda, na igrexa parroquial de Ribadeo, era a obra que abría o programa. É dicir, a primeira obra a interpretar pola formación en concerto. Supoño que non sería o único en emocionarme. Non só porque había no auditorio máis dun músico participante naquela primeira actuación, senón pola interpretación escoitada.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive