25 de Xaneiro de 2021

Correo | Favoritos  | Imprimir   

O Presidente destaca o papel da Deputación como administración próxima ás persoas no Encontro de Cooperación cos Concellos

03-12-19

 Lugo, 3 de decembro de 2019. O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, inaugurou este martes o VIII Encontro Provincial de Cooperación e Asistencia aos Concellos que acolleu o Pazo de San Marcos, unha xornada que este ano levou por nome A reforma do réxime local en Galicia. A planta local, e que pretendía expoñer diferentes perspectivas sobre a organización das entidades locais.

Tomé Roca explicou que o papel das Deputacións foi mudando e que se foi adecuando ás necesidades da sociedade. “Somos unha administración próxima ás persoas, centrada en acadar o acceso aos servizos en condicións de igualdade para todos e todas, vivan onde vivan, sexa cal sexa o tamaño do seu concello e, no caso da Deputación de Lugo, independentemente de quen goberne”, explicou. “Estas xornadas serven para seguir mellorando e son unha ocasión idónea para avanzar e mellorar as liñas de cooperación cos concellos”, asegurou Tomé Roca.

No foro, que se desenvolveu ao longo de toda a mañá, participou un cento de empregados públicos e máis de cincuenta representantes dos concellos da provincia, que intercambiaron opinións sobre o tema central do encontro.

A xornada acolleu tres relatorios. Despois da apertura oficial, a primeira levou por nome Os Gobernos locais intermedios: presente e futuro das Deputacións Provinciais. Dereito Comparado, que impartiu Serafín Pazos Vidal, responsable de Política Europea da Convención Escocesa de Autoridades Locais. A segunda versou sobre A planta municipal: o problema do pequeno concello. Fusión/supresión e outras alternativas. Análise das experiencias europeas, que correu a cargo de Fernando López Ramón, catedrático de Dereito Administrativo na Universidade de Zaragoza. E a terceira e última, levou por título O Concello como institución dinamizadora da localidade. O rol das cabeceiras de comarca, a cargo de Santiago Lago Peñas, catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Vigo.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive