13 de Xullo de 2020

Correo | Favoritos  | Imprimir   

“A limpeza do río Eo non pode depender dun Goberno en minoría”, por Daniel Vega

10-01-20

A Confederación Hidrográfica do Cantábrico (CHC) escúdase na falta de orzamento para non cumprir co seu deber de manter limpo o río Eo, unha necesidade que require dunha resposta urxente. Como veciño da Mariña, dun dos concellos bañados por este río, non podo evitar preocuparme ante o risco que supón o actual estado do río que en algunhas zonas acumula maleza e árbores. Todos vemos que isto, en caso de riadas, pode xerar problemas graves nos municipios da parte baixa do río que na marxe lucense son, principalmente, os da Pontenova e Trabada.
Ante esta situación, gustaríame coñecer o qué oculta a CHC porque está claro que está a mentir sobre a xestión -ou mellor dito, a falta de xestión- da limpeza do río Eo. Non se pode entender que o organismo dependente do Goberno do Estado estea a botar balóns fóra e manteña nun lamentable estado a canle do río cando hai orzamentos en vigor, os Presupostos Xerais do Estado do 2018 que aprobou o Goberno de Rajoy. Permitídeme que dubide que para os vindeiros exercicios un Goberno en minoría poda garantir un orzamento suficiente para a súa limpeza e axeitado mantemento.
Sexa como sexa, a limpeza do río Eo é un asunto que require actuar con urxencia para evitar problemas nas zonas próximas á súa canle e, principalmente, nos municipios da parte lucense do río que, ao pertencer á súa parte baixa, sufrirían as maiores consecuencias en caso dun aumento das chuvias e do incremento do seu caudal debido á súa falta de limpeza.
Precisamente por tratarse dun tema desta magnitude e importancia, creo que a limpeza do río Eo non pode depender dun Goberno de coalición que, aínda así, se atopa en minoría. Esta situación dificulta a posta en marcha dos orzamentos, o principal instrumento para garantir unha acción de Goberno que, na actualidade, é totalmente cuestionable e, como tal, afectará a toda España e tamén aos veciños e veciñas da Mariña.

Daniel Vega, deputado do PP no Parlamento de Galicia

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive