05 de Abril de 2020

Correo | Favoritos  | Imprimir   

“Si, xa o temos aquí”, por Félix Jorquera, editor de crónica3

15-03-20

Si, xa está aquí. Era cuestión de tempo. Coma un tsunami a cámara lenta, non topou con diques abondo fortes que puidesen abortar o seu movemento imparable. Lonxe semellan as primeiras novas que chegaban dende a afastada China, e que falaban dun virus descoñecido que criamos incapaz de visitarnos, ou cando menos de facelo tan rápida e masivamente.
Un par de meses máis tarde aquí estamos, co medo no corpo e aturdidos por atoparmos cunha situación descoñecida.
É precisamente nestes intres cando apelando á serenidade e ao sentido común, sen esquecer a gravidade da alarma, debemos fornecer todo aquelo que nos fai fortes: a solidariedade e a humanidade.
Son situacións excepcionais como esta nas que presa do medo, xa non do pánico, podemos esquecer que a pandemia nos afecta a todos, ricos e pobres, e que actuar con responsabilidade é unha obriga.
Na nosa habitual, ata de agora, infranqueable zona de confort non nos vimos no punto de acostumarnos a non saír, a manter distancias de seguridade, a renunciar a visitar a seres queridos que non viven ó noso carón, a modificar os hábitos de vida, ou a facer un uso racional dos bens de consumo máis necesarios.
Non perdamos de vista que para saír desta, como doutras situacións semellantes, é básico que o sistema de servizos públicos sexa robusto. Principiando pola sanidade, para todos e todas, como un dereito e non como un negocio. E seguindo polas garantías que a administración debe ofrecer para amortiguar as consecuencias de todo tipo coas que esta crise sanitaria de extrema gravidade golpea, principiando polos sectores máis desfavorecidos.
Non menos prioritario é actuar con solidariedade. Malia que as circunstancias desta pandemia empéñanse en afastarnos do contacto físico máis directo, non deixemos que o medo venza ao noso poder curativo do afecto.
Mercar acaparando sen razón obxectiva, ou tratar de sacar negocio da preocupación xeneralizada, son condutas moi pouco edificantes. Tamén o son, decisións irresponsables que están lonxe do máis mínimo sentido común, como ver ao alcalde de Ourense gabándose de viaxar a Madrid nestes intres. Ou madrileños (de alto nivel económico) que abandonan a zona máis afectada do estado para ocupar as súas segundas vivendas na costa. Con comportamentos coma estes é doado pensar que no estado español a remisión do virus non será tan efectiva como en China. Confundir a liberdade persoal coa responsabilidade, é neste intre un exercicio de insolidariedade e egoísmo.
Non sabemos cando, mais o virus remitirá. Deste episodio sacaremos seguro conclusións positivas no futuro. Unha delas, a de non desprezar a aqueles que fuxen de horrores como a fame ou a guerra, ao final, chegados á ocasión todos actuamos igual.
Entenderemos tamén que cousas son de verdade importantes, porque nas malas non todos están aí: o regulamento neoliberal dos mercados ou a produción a calquera costa pero ao mínimo custe. Todo isto queda en entredito.
Si, agora cando menos a necesitamos, a gasolina está moi barata. Porén o que nos preocupa non é encher o depósito, e sinxelamente seguir vivos, nós, os nosos, todas e todos. Recordémolo nun futuro.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive