Lugo, 22 de maio de 2020.- O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, mantivo hoxe unha xuntanza telemática coa Asociación de Mulleres Empresarias da Provincia de Lugo para trasladarlles as novas iniciativas que o Goberno galego está activando para iniciar a recuperación económica e abordar a situación derivada da crise do coronavirus.
No transcurso da xuntanza, Balseiro subliñou “o peso do emprendemento feminino no rural galego” e “a diversidade de proxectos empresariais” que encabezan as mulleres. Nese sentido, lembrou que máis do 57% da actividade emprendedora da Comunidade está liderada por mulleres.
No encontro participou a presidente do colectivo, Beatriz Varela, e 12 emprendedoras máis. O delegado, que estivo acompañado por persoal técnico do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), destacou que unha das medidas do Plan de dixitalización aprobado pola Xunta destina 3 millóns de euros para avanzar na transformación dixital da economía social e dos proxectos empresariais que se desenvolven no rural.
En concreto, sinalou que entre os apoios que se concederán a través deste plan dirixido a comercio, autónomos e pemes figuran os encamiñados a impulsar o emprego de tecnoloxías dixitais no rural que permitan implantar iniciativas como sistemas de control de aforo, ciberseguridade ou conexión a internet. Estas axudas poderán cubrir o 80% do investimento (ata 9.600 euros).
O Plan de dixitalización do Goberno galego está dotado con 23,5 M€ para facilitar a reactivación das pequenas e medianas empresas e do comercio, co fin de que poidan incrementar a súa competitividade, adaptándose ao novo contexto económico derivado do Covid-19. Ademais dos apoios mencionados, prevé destinar axudas por importe total de 6,5 millóns para dixitalización das pequenas e medianas empresas; 4 millóns de euros para apoiar solucións tecnolóxicas que faciliten o teletraballo; 6 millóns de euros para internacionalización; e 4 millóns de euros para impulsar a innovación e dixitalización do comercio de proximidade.
Así mesmo, Balseiro destacou que neste contexto é moi importante que a empresas e autónomos poidan acceder a información e teñan ao seu alcance un servizo de consulta onde poder asesorarse. Ao respecto, salientou que a Xunta puxo en marcha o programa Igape Responde, que lles ofrece unha xanela única onde encontrar apoio personalizado en asuntos como a busca de financiamento, a reorganización operativa, a dixitalización e a innovación, o teletraballo ou a oferta comercial.