05 de Xuño de 2020

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Con Pólvora e Magnolias. “O futuro da nosa economía”, por Pablo Álvarez Ramos

06-05-20

Aínda non son certas nin determinadas as consecuencias máis inmediatas da crise sanitaria do Covid 19 cando se comeza a promover un plan de “desescalamento” sobre o que pivote unha volta progresiva á normalización económica.
Dito doutro xeito, todos botamos man do aforismo “o primeiro é a saúde” mais a creación de riqueza é “conditio sine qua non” para poder preservala. Hai anos os avós levaban aos nenos nun paxe para atender as labores agrarias, hoxe toca saír á rúa sabendo que existe risco de contaxio, e que un novo brote pode desbaratar definitivamente a recuperación económica progresiva dun modelo ferido de morte.
A realidade, así en cru, despoxada de calquera tipo de edulcorante ou anestesia, é na meirande parte das ocasións devastadora, unha sorte de golpe baixo que non sempre se pode encaixar e que remata en knock out. De calquera xeito, é a nosa obriga como cidadáns asumir toda a súa magnitude, o único camiño para atopar un remedio.
Non descubro nada cando subliño que o impacto económico da crise sanitaria pode exceder con moito á gravidade da recente crise dos sectores bancario e inmobiliario no ano 2008: a evolución no plano médico da pandemia aínda ten un enorme percorrido, a súa incidencia é global e atinxe a tódolos eidos da economía e terá maior virulencia en sectores como comercio minorista, aloxamentos, restaurantes, actividades culturais e deportivas e servizos persoais que representan en España o 15 % do PIB.
As axudas estatais non poderán dar acubillo ás demandas da meirande parte dos damnificados, entre outras, por razóns tan obvias como que a súa capacidade recaudatoria é minorada substancialmente cando hiberna a economía, quedando aínda moi lonxe a determinación do custe da intervención.
Aí está a situación de moitos traballadores inmersos en ERTES de forza maior, resoltos favorablemente no mes de marzo, que non percibiron aínda prestación, e as múltiples dificultades para o abono dos ceses de actividade dos autónomos.
O mecanismo do ERTE semella unha solución ineficaz e improvisada que da o mesmo tratamento a xigantes como PSA, Renault, Ikea ou H&M que ao conxunto de PEMES e micropemes galegas. Moitas delas non poderán asumir o compromiso adquirido de manter os postos de traballo e terán que recorrer a re-estruturacións e procedementos concursais.
Tamén neste contexto vimos de saber que, ao tempo que se impedía a actividade presencial do comercio, Amazon contrataba a 1.500 traballadores en España para atender o incremento de traballo derivado do confinamento.
Estamos a vivir tempos duros que poñen en entre-dito o futuro do tecido empresarial galego, teremos que afacernos a vivir con menos, mais é preciso poñer ás persoas no centro da economía, fixar estruturas cooperativas entre empresas e particulares, reivindicar a proximidade e a identidade coma un valor diferencial, facer unha aposta decidida polo comercio local e de proximidade e gañar independencia produtiva. É iso ou certificar a defunción.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive