25 de Setembro de 2020

Correo | Favoritos  | Imprimir   

“Tomé, alumno avantaxado de Pedro Sánchez”, por Javier J. Castiñeira

22-05-20

Inicio este artigo recoñecendo que co presidente da Deputación pásame o mesmo que co seu xefe Pedro Sánchez: por máis que me esforce non podo concluír que os erros que comete son produto dun mal momento, dunha dixestión pesada ou dunha mala noite. Non podo chegar a esa conclusión ao ver, por exemplo, as convocatorias dos plenos ordinario e extraordinario, a celebrar o próximo martes. Son froito, ao meu entender, dunha maneira de estar en política como debeu ser a daquel deputado do que un poeta de pluma ácida, escribiu: «Aquí yace un diputado / que de emoción se murió, / porque al ser interpelado / se vio el pobre precisado / a contestar “si” o “no”».

O pleno extraordinario foi solicitado polo meu grupo, o PP, o que ten máis deputados, visto o desprezativo silencio co que o goberno provincial respondeu á nosa petición dunha reunión da xunta de portavoces. O obxectivo: deseñar un plan de intervención directa da Deputación, a cargo de parte do seu remanente, para axudar ao tecido produtivo de Lugo a superar a crise provocada polo Covid-19. Con criterio económico que compartimos, o pleno extraordinario foi fixado para o mesmo día que a sesión ordinaria, na que algo debeu ter que ver a nosa insistencia en que fose convocada. E entón é cando o deputado Tomé se enfronta ao dilema do que se fala ao principio: “si” ou “non”. Como o non era imposible, por imperativo legal, Tomé convocou a sesión extraordinaria; pero como o si tampouco lle gustaba, elixiu a que seguramente considerou a peor hora posible, as 14.00. Quizá pensou que así amolaba ao PP. Está equivocado. O que demostra é que non lle merecen ningunha consideración aqueles que constitúen o tecido produtivo da provincia, os que moven Lugo. Non é casualidade que se produza cando Sánchez pacta con Bildu a anulación da reforma laboral. Ás dúas da tarde ou cando sexa, nós imos soster que a Deputación inxecte recursos económicos no noso tecido produtivo. Tomé sigue enredando entre o si e o non, co auxilio do Bloque.

Outra mostra de como Tomé se move entre o si e o non, cando está polo non pero quere que parece que está polo si, é a postura do PSOE en relación con Alcoa-San Cibrao. ¡Cantas voltiñas lle dan, para non facer nada! Neste asunto non teñen credibilidade ningunha porque o Goberno, co silencio cómplice dos socialistas lucenses, négase a aprobar un estatuto para empresas electrointensivas que garanta un marco estable de prezos asumibles, que permitan competir no sector en igualdade de condicións. Din que si, pero é que non. Por iso non aproban o estatuto coas alegacións dos sindicatos e da Xunta. Poden presentar mil mocións, pero xa non os cren nin os traballadores nin os veciños. Todos eles xa viron o que fixeron con Endesa-As Pontes, incapaces de deseñar unha transición enerxética respectuosa coa industria galega.

En todo o que ten que ver coa economía provincial, Tomé, coa inestimable axuda do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, perdeu a credibilidade. O Covid-19 desenmascarounos. Si, está demostrado.

Javier J. Castiñeira
Portavoz do Grupo Provincial do PP

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive