11 de Agosto de 2020

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Alfredo Llano salienta o descenso de casos positivos de Covid-19 en Burela, onde seguen activos 20

31-07-20

 Burela, 31 de xullo de 2020. O alcalde de Burela, Alfredo Llano, salienta que seguen baixando os casos positivos de Covid-19 na comarca, onde hai 42, dous menos que onte. Mentres en Burela continúan 20 casos positivos e 168 en seguimento.
O rexedor declarou que “os casos activos nos 14 concellos do distrito sanitario da Mariña son 42 positivos, dous menos que onte, e en seguimento hai 309, seis menos que onte. No caso de Burela, onde se viu que hai máis afectados, seguimos con 20 casos positivos, que son os mesmos que estes tres últimos días porque forman parte do mesmo vínculo do brote, e calculamos que en dez días estaremos a cero. Son casos moi controlados que están rematando a corentena. En Burela hai ademais 168 casos en seguimento do mesmo brote, 4 menos que onte, pouco a pouco vai recuperando a normalidade moita xente”.
Llano subliñou que “debemos estar satisfeitos no conxunto dos concellos da Mariña, tamén coas autoridades sanitarias e cos profesionais sanitarios. Fixemos un traballo conxunto responsabilizándose cada un da súa tarefa. Somos un exemplo claro e penso que un dos condicionantes para que a xente tome conciencia e veña á Mariña é a confianza que damos todos os concellos da comarca con respecto ao brote de Covid-19, confianza para a xente que vén de fóra porque ve que estamos facendo as cousas con seriedade; e creo que iso importa moito”.
O alcalde de Burela fixo fincapé en que “estamos satisfeitos porque estivemos traballando duro para controlar este brote. Hai unha satisfacción xeral porque van minguando os casos e esperamos que en pouco tempo teñamos a garantía de que xa non existe ningún positivo. Estamos todos de acordo en que debemos manter a garda, os protocolos e non confiarse excesivamente. Hai que buscar un punto de equilibrio no que convivan a situación sanitaria e a socioeconómica porque iso será moi importante. A ver se de forma indefinida podemos prolongar un bo estado, que é moi positivo para toda A Mariña”.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive