26 de Setembro de 2020

Correo | Favoritos  | Imprimir   

“A illa que ninguén quere abrir”, por Covadonga Suárez

10-09-20

O Concello de Ribadeo ven de desestimar o recurso presentado por este colectivo contra a licenza de obra dunha cafetería, e non nos estraña nada. De verdade, dicímolo totalmente en serio. Era máis que esperado. Recordemos que aló por 2015 o alcalde de Ribadeo felicitábase na prensa polo esforzo de contención urbanística que permitira preservar a illa Pancha co fin de darlla a un particular. Desde o mesmo momento en que empezamos a pedir explicacións, información, entrounos complexo de Panchorro estrelándose inexplicablemente contra un espigón artificial moito máis grande que nós. É moi difícil explicar esa sensación, porque nós non estabamos nin estamos en guerra contra ninguén, moviámonos como un colectivo veciñal que quería «saber» e protexer o seu patrimonio, e con todo cada movemento noso provocaba que se levantasen os escudos e se protexesen as decisións e os documentos na estancia máis recóndita do castelo. Así que pronto nos decatamos de que a información era tan inaccesible para os ribadenses como a propia illa Pancha, e que saber si se estaban a cumprir as normas era unha odisea que teriamos que aforntar en solitario e sorteando obstáculos de todo tipo.
É certo que os outros non axudaron nada, que certas institucións elaboraron escusas baldías para que non trastornásemos os seus plans, que Portos de Ferrol-San Cibrao deunos coa porta nos narices moitas veces, ou que a nivel persoal membros do colectivo foron perseguidos e intimidados na rúa. Pero a licenza de obra que agora nos ocupa, que foi outorgada a porta pechada en período de confinamiento, foi outorgada polo Concello de Ribadeo. Sempre a contrapé e contra o reloxo, esta vez Por Nuestro Faro presentou un recurso.
Quen teña filtrado á prensa o rexeitamento á nosa proposta con fins propagandísticos, e o impostado choriqueo polo atraso nas obras, tan manido, coma se se necesitasen 6 meses de obras para enchufar unha cafetera e amañaar un garaxe, non nos interesa o máis mínimo. Interésannos os argumentos do Concello para desestimar o noso recurso, que é cualificado de incongruente.
O Defensor do Pobo esixira un estudo medioambiental simplificado que Portos se comprometeu a realizar, que nunca realizou e que o Concello de Ribadeo nunca esixiu e segue sen esixir. A incongruencia, para o Concello vén do feito de que estes informes do Defensor nos que nos baseamos teñen sido emitidos con anterioridade ao acto da licenza da cafetería. Normal, ninguén soubo desta licenza ata que xa fora aprobada e saltou a noticia na prensa. De todos os xeitos, as indicacións do informe do Defensor do Pobo non prescriben nin teñen data de caducidade, o Concello aínda está a tempo de cumprilas, aínda que o señor alcalde de Ribadeo mostre o seu absoluto desprezo por estas desde o principio. Lembremos as súas palabras no pleno municipal do 23 de marzo de 2017 cando se lle preguntou polo devandito informe: «Nós non temos que revisar os informes doutros, xa temos abondo con revisar os nosos», «Cecáis ou Defensor del Pueblo é un incompetente».
A fosa séptica sen legalizar tampouco debe ser un problema. Por suposto, se o panorama xa era así desde o principio e o hotel leva 3 anos funcionando, por que empezar a poñerse puntillosos cunha cafetería ou calquera outro chiringuito que se decida implantar: «nunca dixemos que alí non podía existir un hotel, que non podía existir unha cafetería ou que non podía existir unha tenda de roupa» (Fernando Suárez Barcia, 9/6/2017).
O Concello, que cualifica de incongruente o noso recurso, atopa lóxico que a illa leve desde 2017 pechada ao público, cando era unha condición da licenza de apertura do hotel. Que hoxe sexa necesaria unha cafetería para permitir o paso aos cidadáns é, cando menos, un pelín raro. Pero que a este colectivo e a moitos veciños non nos coe, parécelles unha auténtica incongruencia.
Seguiremos adiante, non porque esperemos nada do Concello de Ribadeo -a súa actitude desde 2015 ensinounos a dubidar e a pedir explicacións cada vez que atopamos contradicións e irregularidades- senón porque ninguén se ocupa do faro, da illa Pancha, nin de saber si a illa abrirase algún día polo noso dereito legal a disfutar dela ou porque alguén monte unha cafetería.

Covadonga Suárez, Colectivo «Por Nuestro Faro»

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive