26 de Setembro de 2020

Correo | Favoritos  | Imprimir   

A Xunta convoca aos coordinadores dos colexios da provincia a unha xornada de formación sobre o protocolo Covid-19 e a pandemia

15-09-20

 Lugo, 15 de setembro de 2020. A Xunta vén de convocar aos representantes dos equipos covid-19 de cada un dos colexios públicos e concertados da provincia de Lugo a unha xornada de formación sobre o protocolo e a pandemia.

A actividade desenvolverase de xeito presencial en dúas quendas, por cuestión de aforo, no salón de actos do Hospital Lucus Augusti, entre as 14 e as 15 horas. En concreto, no día de hoxe están citados un representante dos 86 colexios de educación Infantil e Primaria lugueses e, para a xornada de mañá, completarase a totalidade dos centros cos 26 colexios concertados, un centro de Educación Primaria, os 12 colexios públicos integrados e as 4 escolas de Educación Infantil da provincia.

A explicación correrá a cargo de dous especialistas sanitarios: o doutor Rafael Sánchez, Fernández, director de Atención Primaria da Área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos e a doutora Raquel Barbosa Lorenzo médico preventivista do Hula.

Nos contidos formativos previstos abordarase de xeito didáctico información básica sobre o coronavirus, a súa afección na poboación infantil e os síntomas, así como as medidas de vixilancia, de prevención e de control. Ademais, daranse pautas sobre como actuar ante unha sospeita de infección por coronavirus no centro escolar e o mecanismo de alerta que se debe activar.

A formación centrarase tamén no papel dos coordinadores Covid dos centros educativos e a súa coordinación cos referentes nos centros de saúde. O programa complétase con materiais de traballo na aula dirixidos ao alumnado segundo as etapas educativas, mediante xogos e consellos.

Formación completa
Os equipos covid-19 dos colexios xa recibiron formación non presencial nos primeiros días de setembro que se completa agora con esta nova xornada presencial na que afondará en información específica sobre a infección do coronavirus e na que se resolverán as dúbidas que poidan existir tras o inicio do curso escolar sobre a aplicación do Protocolo de adaptación ao contexto da covid-19 nos centros de ensino non universitario

Os coordinadores covid-19 son as persoas de referencia para o resto do persoal, profesorado, alumnado e familias de cada colexio. Os equipos están integrados pola persoa titular da dirección do centro, ou persoa na que delegue ou a substitúa, e dous membros do profesorado (nos centros de menos de seis unidades o equipo poderá constituírse cunha soa persoa).

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive