Lugo, 18 de setembro de 2020. A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participou este venres na clausura do I Congreso Nacional de Turismo Experiencial, un acto que tivo lugar no CEI-NODUS, en Lugo. Fíxoo xunto ao concelleiro de Desenvolvemento Local e Emprego do Concello de Lugo, Mauricio Repetto Morbán, e a xefa da área de Turismo da Xunta de Galicia en Lugo, Paloma Vázquez. A institución provincial colabora con este evento que organizou Experiencias del Destino e que se celebrou esta semana en Lugo.
García Porto aproveitou para facer fincapé nas oportunidades e fortalezas que o sector turístico da provincia ten no novo escenario xurdido coa Covid-19. “O destino Lugo provincia debe espremer todas as súas virtudes, somos un lugar onde se pode gozar da montaña, da praia ou de calquera vila dun xeito seguro, sen aglomeracións, permitindo desfrutar de innumerables experiencias de calidade”.
A Deputada subliñou o éxito de acollida da primeira edición do Congreso de Turismo Experiencial, que xuntou a máis de mil persoas ao longo de tres días, nos que se abordaron temas cruciais para o desenvolvemento do turismo no novo escenario xurdido coa crise da Covid-19. As condicións sanitarias só permitiron que presencialmente participaran unhas 60 persoas, pero a través das novas tecnoloxías foi posible que xente de toda España e doutros países puideran seguir o congreso por streaming.
A titular de Turismo da Deputación explicou que, se “algo quedou en evidencia estes días é que o sector turístico ten claro que non se pode parar, existe unha clara vontade por crear novos produtos, por apostar por un turismo sostible e de calidade e ese é o camiño”. García Porto tamén puxo o foco na calidade dos poñentes que interviñeron nas diferentes mesas de debate e conferencias: “achegaron unha visión propia e dende a súa experiencia persoal que axuda a marcar unha folla de ruta para o sector, ao enmarcar a situación actual do turismo como ferramenta dinamizadora do territorio a nivel económico e social”.