29 de Outubro de 2020

Correo | Favoritos  | Imprimir   

O parque Pernas Peón continuará sen proxecto de recuperación, alerta o BNG de Viveiro

16-10-20

 Viveiro, 16 de outubro, 2020. Bancos e mesas rotas, falta de árbores despois dunha tala sen ningún tipo de estudo, especies vexetais e camiños que desaparecen por falta de mantemento, ramas caendo con cada temporal obrigándo a fechar o parque por perigo… Unha imaxe coa que algunhas forzas políticas, como a do PSOE de María Loureiro, parecen estar cómodos e cómodas ao votaren en contra dunha moción que pedía recuperar e revitalizar o parque Pernas Peón.

A falta de 1 voto, provocou que non saise aprobada a moción do BNG na que se propoñía:

Elaborar un proxecto de recuperación ambiental e paisaxística para o emblemático parque municipal Pernas Peón, que contemple a eliminación das árbores en mal estado, reflexe o deseño e ordenación deste espazo así como a tipoloxía de plantas, árbores e elementos vexetais que se van a plantar no mesmo, os equipamentos e servizos que vai ter, incluíndo un plan de conservación e mantemento para evitar o seu abandono e desertización nun futuro.

Crear un circuito en terra batida que permita a práctica deportiva, ben sexa andar, correr ou bicicleta, así como para o uso e desfrute de adolescentes e crianzas. Tal e como teñen outras zonas verdes do Concello como é o espazo de en fronte á Piscina Municipal, constatando que non impide para nada outras actividades senón que abre todo un abanico de posibilidades para a veciñanza.

Estudar a posibilidade da creación dun Skate Park, dado que na actualidade non hai sitio para a práctica deste deporte no concello, podéndose aproveitar a parte que está máis perto da residencia DomusVi. Un lugar que leva décadas sen poderen utilizarse ao contar cunha caseta abandonada e un burato que podia aproveitarse como parte destas instalacións. A falta de lugares para a práctica deste deporte está a provocar o deterioro doutros que non están destinados para este uso, creando tamén confrontacións entre viandantes e persoas sobre patíns.

“Sendo o último punto o xerador dun debate baldío ao non estaren dacordo varios membros da corporación municipal” afirma Míriam Bermúdez, “un punto que propoñía -estudar a posibilidade- o cal, non implicaría facelo, mais si se podería estudar e mirar se compensaba unha vez postos co proxecto, o de incluir ou non, unha zona con saltos e outros artiluxios para o desfrute de patíns e bicicletas”. Aínda despois de explicar isto mesmo, algúns membros da corporación municipal non parecían entendelo e a concelleira do BNG optou por retirar este terceiro punto da moción para non bloquear a recuperación do parque.

María Loureiro sen embargo, afirmou que votarían en contra porque apobar unha moción suporía tela que levar a cabo, “o que sorprende desta declaración” di Míriam Bermúdez “son as poucas ganas de traballar e neste caso de recuperar o parque. Segundo María Loureiro o PSOE ten moitas iniciativas e ideas para este parque, pero está claro que se esas ideas non se presentan nun proxecto nunca imos saber o orzamento necesario para facelas realidade e polo tanto, non se vai poder reservar unha partida nos orzamentos e levar a cabo a recuperación do parque. Ao votaren en contra, o único que queda é a improvisación á que nos teñen acustamadas no Goberno Municipal.”

Nesta moción tamén, a alcaldesa María Loureiro, fixo unha declaración na que dixo textualmente que votaron en contra da moción dun Viveiro Ciclábel por que era unha iniciativa do BNG, non porque non quixeran un carrilbici. Argumento que utilizou tamén para votar en contra da recuperación do parque Pernas Peón, poñendo por diante o rédito político e dificultando a calidade de vida da veciñanza simplemente por que ao PSOE non lle caen en graza as iniciativas que veñen do BNG.

Finalmente o resultado da votación rematou sendo:
A favor: BNG, PP, PV.
En contra: PSOE, SV.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive