27 de Novembro de 2020

Correo | Favoritos  | Imprimir   

“Filosofía ad portas (No Día Mundial da Filosofía 2020)”, por Manuel Yáñez Dablanca

19-11-20

Terceiro xoves do mes de novembro: a Filosofía chama ás portas, como se de Aníbal ante Roma se tratara. Unha vez máis, a política desoe o grito e desanda o traxecto pactado en outubro de 2018 para a restitución do ciclo completo da Filosofía para Secundaria e Bacharelato.
A data de conmemoración mundial auspiciada pola UNESCO no 2005 volve outra vez a soar nas nosas cabezas, e tamén todos os argumentos alí esgrimidos na súa defensa: a Filosofía como escola de liberdade, de solidariedade humana, como garante da paz ao crear espíritos libres e reflexivos, como formadora de cidadanía, como fundamento e instrumento das necesarias nocións éticas, como medio para o autocoñecemento e a reflexión, como chave para os conceptos universais, como motor de ideas de progreso, e tamén como freo dos desmáns dos intereses egoístas e hexemónicos duns poucos.
Esta vez o toc toc é máis contundente xa que leva tempo agardando recuperar o seu espazo educativo e social. Nun tempo de cambio, nun mundo cada vez máis complexo, de incertidumes e inseguridades, con revolucións de todo tipo que dinamitan as referencias tradicionais e tribais, onde nos enfrontamos a novos retos e novos mundos… a Filosofía segue sendo a luz que pode iluminar o posible, a guía que debe asegurar os conceptos, o modelo que debemos asimilar para sobrelevar e superar cada un destes momentos; é, en definitiva a creación, a reflexión e a esperanza do máis íntimo que o ser humano posúe desde os comezos da súa historia como Humanidade.
Se se suprime unha disciplina como a Filosofía, con toda a carga de materias que conleva, estamos deixando ao alumnado nunha mera aprendizaxe de contidos, estrutural, sectorial e acrítica, que é importante para fundamentar o noso coñecemento, pero que adolece das características propias da Filosofía, aquelas que a converten en Ciencia das ciencias. Mantela e defendela como parte troncal da educación supón apostar polo desexable e non só polo necesario, por unha formación crítica fronte a unha acumulación de saberes e resolveres. Denostala e reducila nas aulas supón apostar por unha sociedade que prioriza a economía e a rendabilidade, o mercantilismo feroz da utilidade, unha sociedade que quere formar forza produtiva e sacrificar os demais ámbitos como superfluos.
O mundo cambia grazas ás ideas, e son as ideas as que seguirán cambiando o mundo. Hai máis de 3000 anos dos seus inicios na China, Oriente medio e Grecia, e as preguntas da Filosofía seguen mantendo vixencia e actualidade, e seguen a ser o camiño para conseguir un progreso positivo da Humanidade. A política, a sociedade, a tecnoloxía, a linguaxe,… todos os recursos que sustentan as relacións entre os seres humanos veñen marcadas por ideas que tardan en traspasar os tupidos tecidos que construímos e que é necesario tecer e destecer continuamente para lograr cubrir de forma natural a nosa existencia.
Por todo isto, nun día como o de hoxe, párate, pensa e reflexiona, e logo escolle a palabra e ensaia o camiño. Nese andar atoparás a Filosofía!

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive