27 de Novembro de 2020

Correo | Favoritos  | Imprimir   

SAE denuncia na Inspección Provincial de Traballo e Seguridade Social o sistemático fallo na prevención de riscos e a caótica organización dos centros de Mensaxeiros da Paz de San Cibrao e Trabada

20-11-20

Lugo, 19 de novembro de 2020. O Sindicato de Técnicos de Enfermería interpuxo unha denuncia ante a Inspección Provincial de Traballo e Seguridade Social de Lugo polas serias deficiencias observadas na Residencia e centro de día Cervo (San Cibrao) e a residencia de Trabada, ambas coordinadas por Mensaxeiros da Paz, que ademais de poñer en perigo aos traballadores supoñen un déficit da atención aos residentes. Aínda que é certo que na residencia de Trabada (xestionada pola Deputación e cun xestor diferenciado) son menos rechamantes existen igualmente situacións denunciables.
A caótica organización das quendas de traballo e a escaseza de profesionais afecta tamén os residentes que ven afectado o seu día a día por esta pésima organización do traballo.
As quendas cámbianse constantemente e cun prazo de aviso aos traballadores extremadamente curto aos que tamén se obriga a gozar dos días de libranza en días festivos ou ter que compensar cun día libre un festivo que se traballou, en lugar de percibir a contía correspondente. Os traballadores tampouco poden gozar dos permisos e licenzas contemplados no Convenio de Residencias da Terceira idade de Galicia e hai traballadores pendentes da concesión das súas vacacións. Estas son só algunhas das condicións que están a sufrir os traballadores e que están a afectar moi negativamente ao benestar dos que padecen problemas de ansiedade, tensión e outros asociados do ámbito psicosocial.
A cobranza das retribucións tampouco está exento de irregularidades dado que se perciben con atraso, as pagas extras abónanse fóra dos prazos habituais e mesmo algúns traballadores tamén comprobaron que non están dados de alta correctamente na Seguridade Social. A pesar da comunicación que destas situacións fíxose á coordinadora de Mensaxeiros da Paz, Natalia Zabaleta, non se obtén desta entidade nin solución nin resposta.
Así mesmo, e ademais das condicións estritamente laborais nas que estes traballadores están a desempeñar as súas funcións, existen serias deficiencias en canto á xestión da Lei de Prevención de Riscos que poñen en serio perigo aos traballadores dado o incumprimento da normativa no que respecta a xestión de residuos Covid-19, utilización de luvas apropiadas ou almacenamento dos EPIs, por citar algúns exemplos.
É evidente que está a fallar a avaliación de riscos e a planificación de medidas preventivas, a consulta e participación dos traballadores, a información e formación aos traballadores, a utilización de EPI, os controis periódicos das condicións de traballo e do estado de saúde dos traballadores, a organización do traballo e a dotación do lugar de traballo. Trátase dun fallo sistémico e en consecuencia os traballadores están expostos a riscos para a súa saúde derivados da falta de integración da PRL.
Esta situación é intolerable polo que o Sindicato de Técnicos de Enfermería espera que dada a negativa da entidade, a Inspección poña en marcha as investigacións necesario e solucione definitivamente esta lamentable xestión das citadas residencias.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive