27 de Novembro de 2020

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Simón Río únese ao Club de Atletismo ‘Ría de Foz’

17-11-20

 Foz, 17 de novembro, 2020. Na mañá de hoxe, o atleta Simón Río (Burela, 1986) asinou o acordo que o vinculará coas cores do Club de Atletismo ‘Ría de Foz’. Con esta incorporación, o club focego suma un valioso corredor que aumenta, de maneira exponencial, o nivel deportivo e competitivo da propia entidade.

Simón Río é un atleta de consolidada traxectoria no panorama do fondo galego e estatal. O atleta burelao pode presumir de ter corrido 5 dos 6 “Marathon Majors”, cunha mellor marca persoal de 2h23’ en Londres, onde quedou de 10º entre os non-elite, ou terceiro mellor español en New York e segundo en Chicago.

Fóra dos “Marathon Majors” o seu palmarés segue a ser moi brillante. Simón foi campión absoluto no maratón en pista de Eastbourne (Reino Unido) e terceiro absoluto no Paavo Nurmi Marathon (Turku, Finlandia). Ademais, recentemente, no Maratón de Varna (Bulgaria) ocupou o sétimo lugar da clasificación, sendo o primeiro dos atletas nados en Europa, para deixar o crono a menos de 2 minutos da súa marca persoal.

A nivel das carreiras populares de ámbito galego, destacamos a conquista do Tour Mariña 2018, cando gañou 8 das 10 probas nas que participou, ou o primeiro posto no 10k de Coruña 2019 paralelo ao maratón.

Así, desde a Directiva do Club Atletismo ‘Ría de Foz’, amósanse moi felices pola incorporación do atleta Simón Río ás súas filas e quixeron trasladarlle unha calorosa benvida. Ademais do excelso palmarés persoal, Simón representa uns valores persoais de esforzo, sacrificio, constancia e superación dignos de admirar nun deportista a día de hoxe. Un espello perfecto para a numerosa canteira do Club focego.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive