20 de Xaneiro de 2021

Correo | Favoritos  | Imprimir   

O Concello de Mondoñedo constitúe unha comisión para a designación do Cunqueiriano de Honra

07-01-21

 Mondoñedo, a 7 de xaneiro de 2021. O Concello de Mondoñedo vén de acordar a constitución dunha comisión permanente que será a encargada de designar cada ano o Cunqueiriano ou Cunqueiriana de Honra.

Formarán parte desta comisión o Alcalde da cidade, Manuel Ángel Otero Legide (en calidade de presidente), o Concelleiro de Cultura da mesma, Alberto García Fernández (ou as persoas nas que estes deleguen), ambos os dous en representación do Concello de Mondoñedo, entidade promotora; o fillo do escritor, César Cunqueiro; o Coordinador de Actividades e Publicacións da Casa-Museo Álvaro Cunqueiro, Armando Requeixo (en calidade de secretario); o xornalista e cunqueiriólogo, Miguel Somovilla; o Técnico de Actividades Culturais e Turísticas do Concello de Mondoñedo, Abel Vigo García e mais o cunqueiriano ou cunqueiriana de honra do ano precedente, nesta ocasión Víctor F. Freixanes, presidente da Real Academia Galega.
A xuntanza de deliberación desta comisión terá lugar ao longo deste mes de xaneiro. O resultado da mesma comunicaráselle ao distinguido ou distinguida e farase público aos medios de comunicación.
O acto de entrega da distinción de Cunqueiriano de Honra levarase a cabo o 28 de febreiro, coincidindo coa data de pasamento do escritor mindoniense.
Cunqueirianos distinguidos
Dende a súa primeira convocatoria no ano 2017 ata hoxe foron nomeados Cunqueirianos de Honra diversos persoeiros que, dende ángulos complementarios, se teñen significado na promoción e defensa da figura e o legado de Álvaro Cunqueiro. Francisco Cal Pardo, Darío Villanueva, Román Rodríguez González e Víctor F. Freixanes foron, ata o de agora, as relevantes personalidades recoñecidas con esta distinción, que en pouco tempo ten adquirido xa gran prestixio e consideración no circuíto cultural galego.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive