- A alcaldesa de Viveiro, Mariña Gueimunde, agradeceu o éxito da última edición da CAMOVI e destacou o seu valor como evento deportivo que proxecta internacionalmente a imaxe da vila
Subliñou o traballo colectivo, o papel do voluntariado e a participación de arredor de mil corredores. Tamén puxo en valor o impacto económico e social da proba e o apoio institucional que permite o seu crecemento, incluída a difusión en streaming que levou a CAMOVI e a Viveiro a todo o mundo.
- Trinta peregrinos de Barreiros completaron o pasado sábado a etapa O Cebreiro–Triacastela do Camiño Francés, dentro do programa anual da Asociación Camiñantes e Camiños, que percorre a ruta en oito etapas ao longo de 2026
O presidente, José Manuel Gómez Puente, destacou o bo tempo e o reencontro do grupo nun percorrido de 22 km entre Pedrafita e Triacastela. A próxima etapa será o 1 de maio, entre Triacastela e Sarria, e xa está aberta a inscrición no teléfono 623 22 68 25.
- Este domingo ao mediodía congregáronse numerosos veciños do Alfoz do Castrodouro ante o castelo, emblema municipal da localidade. O motivo foi a celebración pola restauración do nome lexítimo do Concello, que despois de catro décadas deturpado recupera a oficialidade
Ás doce en punto, tres foguetes —un por cada palabra do nome oficial— foron lanzados desde O Castrodouro, capital histórica do termo municipal e orixe da localidade, pois alí, hai 806 anos, Afonso IX concedeu o título de vila e todo un distrito que administrar; episodio histórico do que deriva o nome do concello. Os veciños reunidos mostraron a súa satisfacción pola recuperación da denominación histórica, afirmando moitos deles que nunca deixaran de empregar o nome completo. Do mesmo xeito, os maiores agradeceron aos impulsores da iniciativa a restitución do topónimo que a historia legou ao municipio alfocés.
- O PSOE de Viveiro felicita á organización da Camovi, así como ao voluntariado, participantes e administracións implicadas, polo éxito dunha cita que xa é referente nas carreiras de montaña
Viveiro, 20 de abril, 2026. A proba volveu converter Viveiro nun punto destacado do deporte e da convivencia, ademais de supoñer un impulso económico para o municipio. María Loureiro destacou que a Camovi “é un exemplo de colaboración e esforzo colectivo, que sitúa Viveiro no mapa e dinamiza a economía local”. O Partido Socialista lembra o seu apoio histórico á carreira e reafirma o seu compromiso para seguir contribuíndo ao seu crecemento. O PSOE agradece tamén á veciñanza a súa acollida e implicación, fundamentais para que o evento continúe medrando ano tras ano.
- A deputada de Cultura, Iria Castro, asistiu este domingo á Feira da Artesanía do Ferro de Riotorto, organizada pola Asociación para a Promoción Social dos Ferreiros. Participou no acto inaugural, con pregón do actor Luis Besteiro, e visitou as demostracións dos ferreiros locais e doutros puntos de Galicia e España
Castro destacou o labor da Asociación e o potencial da tradición do ferro como motor económico, social e cultural para Riotorto, subliñando a importancia de impulsar iniciativas que garantan futuro para estes oficios. A Deputación de Lugo mantén unha colaboración estable coa entidade, cunha achega de 14.000 euros. No marco deste apoio, a Asociación avanzou na documentación dos oficios do ferro, catalogando ferramentas, técnicas e a historia das antigas “ferrerías de monte”.
- O vicepresidente da Deputación Efrén Castro achegouse este domingo á Camovi de Viveiro, que reuniu un milleiro de corredoras e corredores nas diferentes probas que se celebraron durante a fin de semana -C42K, C21K,C10K, C42K RELEVOS, Camovi KIDS e unha andaina-
O responsable provincial destacou "o traballo realizado pola organización ao longo destes anos para consolidar unha proba deportiva de primeiro nivel, que atrae tanto deportistas do máximo nivel competitivo como participación popular"
- O Centiño enche Marzán cunha nova representación de “O Autobús”
O grupo teatral O Centiño de San Martiño (Foz) actuou este sábado en Marzán, convidado pola asociación veciñal Torques de Marzán. O local quedou pequeno ante a resposta do público: 73 persoas, un récord de asistencia para unha obra de teatro na parroquia. A comedia provocou constantes risas e un ambiente moi participativo. A iniciativa volve demostrar o valor de levar actividade cultural e teatro afeccionado ás parroquias e barrios, achegando propostas escénicas a lugares afastados dos grandes circuítos. O Centiño continuará a xira de “O Autobús” nas vindeiras semanas: Sábado 25 de abril: Vilaronte (Foz). Sábado 2 de maio: Casa da Cultura de Trabada