NOTA DE PRENSA
Os integrantes do equipo de Goberno local afirmaron que a estadía de Jacinto Parga é a mostra de que o PsdeG xa deu por iniciada a campaña do 1 de Marzo
A VISITA DO PRESIDENTE DE PORTOS A SAN CIPRIÁN NON TIVO OUTRO OBXECTIVO MÁIS QUE O PURAMENTE ELECTORALISTA
Cervo, 22 de xaneiro de 2009.- Varios membros do equipo de Goberno do Concello de Cervo -entre eles o alcalde Alfonso Villares e o Concelleiro de Educación, Turismo e Medioambiente, Antonio Basanta- estiveron presentes na visita feita polo presidente de Portos de Galicia, Jacinto Parga, ás instalacións do porto pesqueiro da vila de San Ciprián.
Os gobernantes locais aproveitaron a estadía do responsable dos portos de titularidade autonómica no termo municipal cervense para transmitirlle a súa satisfacción polos arranxos feitos recentemente polo organismo que preside no dique da Anxuela (o cal se viu afectado polos temporais sufridos nesta costa a pasada primavera), así coma polas pequenas melloras de seguridade adoptadas por Portos de Galicia dentro do peirao pesqueiro.
Ademais dos agradecementos, os representantes cervenses xunto có resto de representantes do sector pesqueiro local tampouco deixaron pasar a oportunidade para reivindicar unha vez máis diante de Parga unha serie de melloras que o porto precisa “e sen as cales posiblemente estea abocado ao esmorecemento”.
Entre as actuacións demandadas por políticos locais e sector figura a construción dun abrigo que permita unha maior e mellor liña de amarre; así coma a colocación de pantaláns para embarcacións pesqueiras e deportivas. Para isto solicitaron que Portos acometera “dunha vez por todas e de xeito responsable” un estudo “rigoroso” da ubicación máis axeitada desta nova infraestrutura portuaria que propoñen “para garantir así a continuidade da náutica neste porto”.
Segundo os gobernantes cervenses o futuro do porto de San Ciprián pasa en boa medida pola reconversión das súas instalacións en porto deportivo e de recreo. “San Ciprián perdeu o seu tren pesqueiro na década dos 70 coincidindo có auxe da pesqueria do bonito noutros portos limítrofes, e agora non pode perder tamén a súa oportunidade de converterse nun porto para a náutica deportiva e de lecer” salientaron os políticos locais. Na súa opinión, as particularidades xeográficas e a súa situación equidistante entre os portos deportivos de Viveiro e Ribadeo; xunto co atractivo turístico da vila fan de San Ciprián un lugar máis que idóneo para que Portos de Galicia valore esta posibilidade.
Por outra banda tamén reiteraron diante de Jacinto Parga a necesidade de que Portos acometa a ordenación das distintas zonas de fondeo existente actualmente no porto.
VISITA PROPAGANDÍSTICA
Á marxe destas reivindicacións, Os integrantes do equipo de Goberno Local cualificaron a visita do Presidente de Portos de Galicia a San Ciprián coma “a demostración de que o PsdeG xa deu o pistoletazo de saída da campaña electoral”. Segundo a súa opinión, Parga só veu a San Ciprián a facer “maquillaxe preelectoral” para “tratar de rabuñar algunha foto” facendo ver coma si lle preocupara este porto, cando a realidade é moi distinta. Botaron en falla o anuncio de actuacións concretas do responsable de Portos de Galicia para este peirao e lembráronlle a Parga que tanto el, coma a conselleira de Pesca “deixaron pasar unha boa oportunidade para resarcirse do voto en contra amosado polo seu partido político no Parlamento de Galicia a unha iniciativa do parlamentario mariñán popular José Manuel Balseiro para acometer melloras neste porto mariñán.
SAÚDOS. – CONCELLO DE CERVO


















A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continou con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.



