BURELA (FNC) .- Burela será escenario do 13 ao 17 de xullo dun curso de verán da Universidade de Compostela “no que levamos moito tempo traballando para que agora sexa unha realidade”, explica a edil de Educación. O curso leva por título Inmigración e desenvolvemento local: as claves educativas e sociais, está destinado a alumnos universitarios que recibirán créditos de libre configuración pola súa participación. Lucía Bouza sinala que “Burela é un lugar axeitado para abordar a temática da inmigración, de aí que se celebre aquí este curso de verán que está dirixido por Miguel Anxo Santos Rego, catedrático da USC”.
Durante unha semana vanse abordar aspectos como a inmigración e o mercado de traballo, o caso dos africanos e dos iberoamericanos en España; caboverdianos na Mariña, promovendo o desenvolvemento na orixe; inmigración e comunidade local: o caso de Burela; a xestión da inmigración na administración local; familias inmigrantes en Galicia: a escola coma eixo de participación e integración; impacto educativo da emigración na realidade local de Galicia e mulleres inmigrantes e desenvolvemento desde Galicia. O obxectivo pasa por estudar as claves que definen, nas súas dimensións teóricas e prácticas, a importancia dos fluxo migratorios no actual panorama de globalización e a súa incidencia sobre as entidades e por analizar as repercusións da inmigración no eido local. O programa deste curso estrutúrase arredor de conferencias, relatorios, mesas redondas e obradoiros que abordarán destacados especialistas de dentro e de fora de Galicia e representantes de Concellos significativos a este respecto.
Lucía Bouza considera que “a semana do 13 de xullo será de grande actividade formativa en Burela, porque este curso de verán vai coincidir coa segunda edición do seminario de jazz do Concello de Burela, que como xa anunciamos o ano pasado ao seu remate decidimos seguir apostando por este evento e ímolo facer de novo neste 2009. Esa semana vai ser de moita actividade cultura e de moita formación educativa en Burela”.