NOTA DE PRENSA
O voceiro do Mar do Partido Popular de Galicia explicou que a nova lexislación levarase ao Parlamento antes de que remate o vindeiro período de sesións, isto é antes do mes de xaneiro, en cumprimento dunha promesa electoral
BALSEIRO ADIANTA QUE A NOVA LEI DE PESCA NACERÁ DO CONSENSO E NON DA IMPOSICIÓN TAL E COMO PRETENDEU FACER O BIPARTITO
* Socialistas e nacionalistas aprobaron unha norma que contaba co rexeitamento unánime do Consello Galego de Pesca, isto é do máximo órgano asesor en materia de asuntos marítimos, onde están representados confrarías, sindicatos, organizacións de produtores, … etc.
* Os populares apostarán por recuperar o papel protagonista das confrarías de pescadores como principais fórmulas de organización do sector pesqueiro, que foron tratadas con desconfianza e desprezo pola norma elaborada polo bipartito.
* A nova lei que prepara a Consellería do Mar buscará unha maior defensa do peixe capturado pola flota galega, apostará pola pesca sostible, a dignificación do traballo dos mariñeiros, e a posta en valor dos recursos marisqueiros.
A Mariña, 22 de maio de 2009.- O voceiro do Mar do Partido Popular de Galicia (PPdeG) Jose Manuel Balseiro Orol adiantou que a nova lei de pesca que na que está a traballar a Consellería do Mar nacerá do consenso e o acordo cos distintos sectores e non da imposición e da aprobación unilateral tal e como pretendeu facer o anterior Executivo bipartito. Balseiro fixo estas declaracións con ocasión da súa visita a Expomar, a feira náutico pesqueira que se está a celebrar estes días na localidade de Burela, co patrocinio principal do departamento autonómico do Mar da Xunta de Galicia.
NOVA LEI ANTES DE QUE REMATE O ANO
Ademais, o voceiro popular, lembrou que en cumprimento do compromiso electoral asumido diante dos actores do mundo do mar, mariñeiros, tripulantes, armadores, mariscadoras, produtores, … os populares presentarán o novo texto normativo para o seu debate e aprobación no Parlamento de Galicia antes de que remate o seguinte período de sesións, isto é antes de xaneiro do ano próximo.
A LEI DO BIPARTITO REXEITAMENTO UNÁNIME DO SECTOR
O parlamentario explicou que nunca tivo sentido algún aprobar a lei, como fixeron os socialistas e nacionalistas, que contaba xa desde o seu inicio co rexeitamento unánime do Consello Galego de Pesca, isto é, do máximo órgano asesor da Xunta de Galicia en materia de asuntos marítimos. Esta institución, onde están representadas as confrarías, as organizacións de produtores, sindicatos, bateeiros, e así un longo etcétera… decidiu por unanimidade rexeitar o texto da nova lei de Pesca que elaborou o bipartito despois da súa análise na xuntanza mantida por este órgano en outubro de 2007.
Tamén o Consello Económico e Social, un órgano de consulta obrigada do Goberno galego con carácter previo á aprobación das distintas leis, puxo reparos ao texto do bipartito. En ningunha destas ocasións as suxestións, peticións de reforma ou de retirada do texto, foron escoitadas por PSOE e BNG que acabaron impoñendo o seu texto.
PAPEL PROTAGONISTAS ÁS CONFRARÍAS
Balseiro Orol explicou que a nova lei de Pesca, entre outras cuestións, devolverá o papel protagonista ás confrarías de pescadores, como principais fórmulas de organización do sector pesqueiro. Estas entidades foron desprezadas polo bipartito debido á desconfianza que nelas tiñan ao ser órganos independentes que non podían ser controlados directamente polo anterior Executivo autonómico. De feito, a propia Conselleira do Mar, Rosa Quintana, explicou en sede parlamentaria que as confrarías de pescadores seguirán a estar reguladas por unha lei e non por un decreto, tal e como pretendía facer o bipartito, para así evitar que o seu contido tivera que ser obxecto de debate a aprobación na Cámara autonómica (os decretos son aprobados directamente polo Consello da Xunta)
DEFENSA DOS PRODUTOS GALEGOS
Finalmente o voceiro do Mar do PPdeG explicou que a nova lei sobre a que está a traballar a Xunta de Galicia, da man do Presidente Feijóo, buscará ofrecer posibles solucións a algúns dos problemas endémicos da nosa pesca, en todo aquilo no que ten competencias o Goberno autonómico. Máis en concreto, traballará para unha maior defensa do peixe capturado pola flota galega, respecto á competencia exterior, a dignificación do traballo dos mariñeiros, homes e mulleres do mundo do mar, a posta en valor dos recursos marisqueiros e a modificación do réxime xurídico das bateas que, de levarse adiante o elaborado polo bipartito, suporían a práctica desaparición do sector e a súa substitución por grandes multinacionais privadas.
CONSENSO E NON IMPOSICIÓN
Balseiro Orol amosouse confiado en que, esta nova lei, que nacerá do consenso co sector, ofrece ilusión e esperanza para os axentes do mundo do mar. Segundo entende, o bipartito confundiu consulta con consenso e, a diferenza de socialistas e nacionalistas, o PPdeG sempre estivo ao carón do mundo do mar, consciente das súas necesidades e comprometido en que debe contarse con eles para construír o futuro.























Estará dedicada á figura de Leopoldo Calvo-Sotelo, xa que neste 2026 cúmprese o centenario do nacemento de quen fora presidente do Goberno. No acto interviñeron o presidente do RCNR, Pablo Fernández, o director territorial de Deportes da Xunta, Manuel Otero, un dos fillos do tamén alcalde honorario de Ribadeo Víctor Calvo-Sotelo, e o rexedor ribadense, Dani Vega. Todos exaltaron a práctica deportiva na ría, a labor desenvolvida polo Real Club Náutico e a vinculación de Leopoldo Calvo-Sotelo co estuario. Entre o público asistente estaban máis membros da familia Calvo-Sotelo, directivos e ex directivos do RCNR, edís de Ribadeo e representantes de Acisa.
O grupo, composto por cinco mulleres e sete homes cunha media de 26 anos, foi recibido pola subdelegada do Goberno, Olimpia López, que lles agradeceu o compromiso co servizo público e destacou o papel esencial da Policía Nacional na seguridade cidadá. Oito axentes estarán na Comisaría de Lugo, dous en Monforte e dous en Viveiro. Ao finalizar as prácticas, escollerán destino definitivo segundo a puntuación obtida no proceso selectivo.
A iniciativa busca poñer en valor a diversidade cultural do municipio a través da gastronomía, convidando ás persoas de diferentes países a elaborar pratos típicos que se ofrecerán de forma gratuíta ao público. O Concello asumirá o custo dos ingredientes e asignará a cada participante un posto identificado co seu país de orixe. As inscricións poden realizarse ata o 29 de xullo enviando un correo a feiras@vilalba.es. Rouco chamou á participación para seguir construíndo unha Vilalba aberta e integradora, nunha feira que quere consolidarse como espazo de convivencia e dinamización da feira tradicional.
Ata o 4 de agosto poderán realizarse as renovacións, mantendo as tarifas aprobadas en asemblea: 200 € e 250 € para adultos, e acceso gratuíto para menores grazas ao convenio coa Fundación Imdecum, con opción voluntaria de abono infantil por 40 € con reserva de asento. A partir do 5 de agosto activaranse as novas altas. Os abonos poderán tramitarse a través de CLUBER ou presencialmente na oficina do club, con horario de mañá e tarde en xullo e só de mañá en agosto.
A Presidenta Carmela López destacou o valor deste produto emblemático da Mariña e o traballo do sector pesqueiro. Rocío Rivera e Herminia Pernas puxeron en valor a tradición mariñeira de Burela e o papel dos mariñeiros da Moncloa. O público degustou 450 tapas elaboradas con bonito nunha xornada que serviu de escaparate desta cita gastronómica e de convite a visitar Burela a próxima fin de semana.
As crianzas desfrutaron dunha refrescante xornada con inchables e xogos acuáticos na contorna do complexo deportivo da Veiga.
Trátase dunha mostra de 28 fotografías de gran formato do naturalista Ezequiel Martínez que reivindica a diversidade e a conservación da fauna salvaxe. A iniciativa, organizada polo Concello da Pastoriza en colaboración con ABANCA e Afundación dentro do proxecto Corrente cultural, poderá visitarse de balde ata o 26 de agosto. As imaxes, acompañadas de textos divulgativos elaborados por especialistas de Naturnova, amosan especies emblemáticas como o oso pardo, a cegoña, o cervo ou a aguia imperial, convidando a reflexionar sobre a importancia de protexer o patrimonio natural.



