NOTA DE PRENSA
O acordo acadado no Parlamento de Galicia incorpora, por proposta do PPdeG, que se estableza un diálogo fluído entre as distintas administracións no que se busquen “solucións concretas aos problemas concretos que se estiveron a dar ao longo de todo o proceso de regularización”
O GOBERNO BIPARTITO DEIXOU A 2.200 EMBARCACIÓNS DE BAIXURA SEN DISPOÑER DO CORRESPONDENTE INFORME PRECEPTIVO PREVIO Á SÚA REGULARIZACIÓN
* No Pleno do Parlamento, o portavoz de Mar do Grupo Popular, José Manuel Balseiro, explicou que limitarse a ampliar o prazo de regularización sen solucionar os problemas de fondo sería alongar a agonía destas embarcacións e trasladar a problemática no tempo.
* O PPdeG non se resigna a que este inxente número de barcos galegos pasen á invisibilidade administrativa e cesen na súa actividade por non poder completar o longo e complicado proceso de regularización.
Santiago, 24 de xuño de 2009.- O portavoz de Mar do Grupo Parlamentario Popular, José Manuel Balseiro, salientou hoxe no Parlamento que o Goberno bipartito deixou a 2.200 embarcacións de baixura sen dispoñer do correspondente informe preceptivo previo á súa regularización. No debate dunha iniciativa dos socialistas, Balseiro lamentou que, “por desidia ou por descoñecemento, unha lei estatal, impulsada desde o Goberno socialista hai dous anos, de novo choca cos intereses da nosa pesca”, en referencia á Lei 9/2007, do 22 de xuño, promulgada co obxecto de promover a corrección e regularización dos datos inscritos nos rexistros e nos distintos censos pesqueiros.
A dita lei outorga un prazo de dous anos, que está a piques de rematar, para completar o proceso de regularización destes barcos, sen o cal non poden ser empregados para tarefas de pesca artesanal e de baixura. Balseiro resaltou que milleiros de titulares destas embarcacións “ven imposible cumprir o prazo establecido”, de xeito que “unha vez máis, o Goberno de Zapatero crea un problema moito maior do que pretendía solucionar”.
Doutra banda, cando o bipartito deixou a Xunta, “ningunha embarcación galega tiña rematado o seu proceso de regularización”, segundo apuntou o deputado popular, quen indicou que actualmente hai 2.399 solicitudes recibidas, das que 127 están a realizarse fóra de prazo. “Non foron quen durante os últimos dous anos de informar unha soa embarcación para que puidera ser regularizada”, resaltou José Manuel Balseiro, para quen a iniciativa presentada polos socialistas “despois de non ser capaces de ofrecer solucións cando lles correspondía”, demostra “moito medo e moita presa, pola magnitude do erro cometido e porque agora remata o prazo e non deixaron os deberes feitos”.
SOLUCIÓNS CONCRETAS A PROBLEMAS CONCRETOS
Co fin de paliar esta situación, as tres forzas políticas acordaron solicitar perante o Goberno central a ampliación do prazo de dous anos establecido pola lei para dar tempo a rematar os trámites pendentes. En todo caso, no Pleno do Parlamento, o portavoz de Mar do Grupo Popular explicou que limitarse a ampliar este prazo sen solucionar os problemas de fondo sería alongar a agonía destas embarcacións e trasladar a problemática no tempo. Por iso, o acordo final incorpora un terceiro punto, por proposta do PPdeG para que se estableza un diálogo fluído entre as distintas administracións no que se busquen “solucións concretas aos problemas concretos que se estiveron a dar ao longo de todo o proceso”. Problemáticas das que, engadiu, “xa era consciente tanto o Goberno socialista de Zapatero como os anteriores xestores da extinta Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos” e, a pesar disto, “non se fixo nada”.
O PPdeG non se resigna a que este inxente número de barcos galegos pasen á invisibilidade administrativa e cesen na súa actividade por non poder completar o longo e complicado proceso de regularización. Pero, segundo expuxo Balseiro, ampliar o prazo só constitúe unha solución parcial que non aborda os problemas de fondo. Por esa razón, os populares consideraron que a Proposición non de Lei presentada polos socialistas “se queda a medio camiño e non representa unha solución práctica e efectiva” e que é necesario reforzar os mecanismos de análise e participación do sector pesqueiro e das administracións implicadas para detectar “o que fallou e ofrecer solucións”


















Este luns, 14 de setembro, visitaron Mondoñedo, a Praia das Catedrais e Santa Cruz. A viaxe evocou as lecturas de Cunqueiro e as súas Crónicas do sochantre, nun percorrido que incluíu a catedral mindoniense e o barrio dos Muíños, ademais da emblemática praia de Augas Santas. Pola tarde participaron nunha exhibición de billarda grazas á estimable colaboración dos billardeiros da comarca. O martes partirán de regreso a Loktudi.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Este luns, 14 de setembro, deu comezo un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.



