LUGO .- Veciños de Ribadeo participaron nas actividades do programa Km0 que organiza a Deputación provincial. Os veciños de Ribadeo coincidiron con veciños de Láncara durante a visita que fixeron a sede da Deputación, onde foron recibidos polo presidente da entidade provincial, José Ramón Gómez Besteiro que inaugurou en Portomarín, xunto con veciños de Ribadeo, o programa pioneiro en España, Km0 a Compostela
Nota de Prensa
NOTA DE PRENSA
Arranca a 2ª fase de Km0 con preto de 10.000 persoas inscritas
– O Presidente da Deputación inaugurou en Portomarín, xunto con veciños de Ribadeo, o programa pioneiro en España, Km0 a Compostela
– O organismo provincial adiántase ó Xacobeo 2010 e convértese na primeira administración que pon en marcha programas organizados para promocionar os catro Camiños que atravesan a provincia
– Gómez Besteiro destacou que “qu Xacobeo non só é unha oportunidade económica para o ano 2010 senón que hai que desestacionalizalo”
O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, inaugurou este martes en Portomarín o programa Km0 a Compostela. Gómez Besteiro, acompañado da Alcaldesa deste Concello, Silvia Rodríguez, e da Asociación de Amas de Casa de Ribadeo, fixo un treito do Camiño Francés ó seu paso por este municipio, desde a Praza ata a Fábrica de Cerámica, pasando pola Capela das Neves e a Ponte da Barrela.
Tal e como manda a tradición, a comitiva degustou un dos produtos típicos da zona como é a parva (pan con augardente). O responsable provincial subliñou que “inauguramos este programa en Portomarín, un Concello 100% Xacobeo, e co que nos adiantamos ó Ano Santo, converténdonos na primeira administración que pon en marcha un programa organizado para promocionar os catro Camiños que pasan pola provincia de Lugo: o Francés, o Primitivo, o da Costa e o do Sur. Esta é unha oportunidade extraordinaria para crear emprego e mellorar a economía non só de Galicia senón tamén dos distintos Concellos polos que pasa o Camiño. O último Xacobeo trouxo a Galicia 4 millóns de persoas, e na Deputación non quixemos deixar pasar esta oportunidade coa que xeraremos riqueza na provincia”. Un Concello 100%
O pasado 3 de agosto, na reunión que o Presidente da Xunta de Galicia mantivo cos representantes das catro Deputacións galegas, Gómez Besteiro entregou a Núñez Feijoo un dossier de Km0 a Compostela. “Nesta xuntanza transmitinlle ó responsable do goberno autonómico que Lugo é unha provincia única, xa que é a que ten máis quilómetros de Camiño de Santiago, uns 800. Ademais, somos a porta de entrada a Galicia. En definitiva, reunimos unhas condicións especiais polo que se precisa máis promoción. É dicir, o Xacobeo non só é unha oportunidade económica para o vindeiro ano senón que hai que desestacionalizalo”.
Preto de 10.000 persoas inscritas
Km0 a Compostela, formado por 25 rutas, é unha das alternativas da segunda etapa de Km0.Deputación de Lugo que se inicia hoxe e que está formada tamén por Km0 Xtreme e o Km0. Nesta fase, pásase de 88 rutas a 135, “polo que aumentamos a cantidade e a calidade”. Esta iniciativa tamén ofrece a posibilidade de degustar e promocionar produtos autóctonos da provincia. “O que buscamos é reactivar a economía local ó tempo que lles ofrecemos ós participantes ecoturismo, medio ambiente, gastronomía, cultura e tradición”, apuntou Besteiro.
A segunda etapa rematará en xuño de 2010. Nestes momentos, 10.000 persoas xa formalizaron a inscrición, aínda que as previsións indican que cando remate a segunda fase chegarase ás 22.000. Está cuberto ata o mes de abril e xa están en lista de espera unhas 56 solicitudes, entre as que hai persoas de Coruña, Pontevedra e Ourense. Ademais, para satisfacer a demanda duplícanse as saídas por día. Hoxe 110 persoas participaron nesta iniciativa. Un grupo da asociación de amas de casa de Ribadeo tivo a oportunidade de redescubrir o Concello de Portomarín co que se inaugurou o Km0 a Compostela. Ademais de percorrer un treito do Camiño, visitaron o Centro de Artesanía e Deseño da Deputación, a igrexa románica de San Pedro, e o Conxunto Histórico-Artístico de San Xoán. Tamén coñeceron o proceso de fabricación das famosas tartas de Portomarín e o contorno fluvial do Club Náutico.
Asimesmo, 55 veciños da parroquia de Armea de Arriba (Láncara) desprazáronse ata a Mariña, onde visitaron a lonxa de Celeiro, a localidade de San Roque e fixeron un percorrido por Covas. Tamén coñeceron o Centro de Interpretación Terras do Miño.
Magnitude do proxecto
O titular provincial explicou algúns datos que amosan a magnitude do proxecto e o éxito que está a acadar, xa que “as cifras non só constatan que está a ser todo un éxito, senón que demostra que o medio ambiente é tamén unha oportunidade económica”.
No Km0 as rutas máis solicitadas seguen sendo a Ribeira Sacra e a Mariña Lucense. Dentro de Km0 Xtreme, máis de 300 persoas realizaron a súa solicitudes e teñen asignada unha ruta. Neste caso, as opcións máis demandadas son as que inclúen unha viaxe en helicóptero desde Ribadeo, Lugo e Monforte; Lugo Submarino; a Cabalo; Móllate! e Multiaventura.
Km0, incluído dentro do proxecto Lug02, conta cun presuposto de 600.000 euros anuais, cofinanciados ó 70% con fondos FEDER. Con esta iniciativa, a Deputación de Lugo está contribuíndo a manter 3.000 postos de traballo, directos e indirectos, en sectores como a hostalería, turismo ou industria. Só con Km0 a Compostela manteranse uns 200 postos.
Km0.Deputación de Lugo é un programa da Deputación pioneiro en España, que permite redescubrir e promocionar Lugo a través de viaxes por toda a provincia. Para apuntarse, hai que entrar na web: www.km0.deputacionlugo.org, descargar o a folla de inscrición que se atopa no apartado de “Contacto e inscrición”, cubrila e enviala ó enderezo electrónico km0@deputacionlugo.org, por fax ó 982 26 01 70, ou por correo ordinario ó Servizo de Protocolo (rúa San Marcos 8, 27001 Lugo).




















O programa inclúe inscricións, concertos, exhibicións, rutas e exposición de vehículos. Con motivo do evento, haberá cambios temporais de tráfico no casco urbano, con prohibicións de circulación e estacionamento en varias rúas e modificacións de sentido. O Concello pide á veciñanza que respecte a sinalización para garantir o correcto desenvolvemento das actividades.
A piscina abrirá de luns a venres de 8:30 a 13:00 e de 15:30 a 22:00, e os sábados de 8:30 a 14:30. O ximnasio manterá horario continuo de luns a venres, de 8:30 a 22:00, e os sábados de 8:30 a 14:30. A tempada arrinca tras diversas melloras nas instalacións, entre elas a renovación da cuberta do polideportivo, cun investimento de 195.000 euros, así como a substitución de portas de emerxencia, a intervención en pontóns das piscinas e o cambio das huellas de volteo. O Concello continúa así reforzando o mantemento e a seguridade dun complexo utilizado diariamente por numerosos veciños e deportistas.
Este luns, 14 de setembro, visitaron Mondoñedo, a Praia das Catedrais e Santa Cruz. A viaxe evocou as lecturas de Cunqueiro e as súas Crónicas do sochantre, nun percorrido que incluíu a catedral mindoniense e o barrio dos Muíños, ademais da emblemática praia de Augas Santas. Pola tarde participaron nunha exhibición de billarda grazas á estimable colaboración dos billardeiros da comarca. O martes partiron de regreso a Loktudi.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.
Este luns, 14 de setembro, deu comezo un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.



