LUGO .- A Xunta de Galicia aprobou unha partida de 10,12 millóns de euros para facer fronte aos pagos que se debían a 1.834 dependentes da provincia de Lugo. A cifra de solicitudes atendidas na provincia chega a 7.200, sobre un total de 9.014 lucenses que teñen dereito a recibir esta prestación.
Nota de Prensa
A XUNTA AUTORIZA O PAGO DE ATRASOS A 1.834 PERSOAS DEPENDENTES EN LUGO MEDIANTE UN INVESTIMENTO DE 10,12 MILLÓNS DE EUROS
* A delegada territorial, Raquel Arias, afirmou que o goberno de Feijóo atendeu no 2009 case tantas demandas de grandes dependentes “como en dous anos do bipartito”
* Sinalou que este esforzo “confirma a intención da Xunta de estender a cobertura dos servizos e axudas sociais a todo aquel que o necesite”
Lugo, 10 de marzo de 2010.- A Xunta de Galicia aprobou unha inxección extraordinaria de 10,12 millóns de euros que serviu para facer fronte aos pagos atrasados que se adebedaban a 1.834 dependentes da provincia de Lugo.
Deste cómputo total, 1.713 corresponden a pagos do que se denomina axuda económica por libranza do coidador, isto é, pagos para que a persoa dependente reciba coidados no seu propio fogar. Os outros 121 expedientes corresponden a axudas vinculadas á prestación dun servizo, para usuarios de centros de día ou residencias.
Deste xeito, o impulso experimentado na tramitación dos expedientes permitirá que a cifra de solicitudes atendidas na provincia chegue a 7.200, sobre un total de 9.014 lucenses que teñen dereito a recibir esta prestación.
A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, comunicou hoxe estes datos que, segundo resaltou, demostran que a aplicación da Lei de Dependencia é prioritaria para o goberno galego. “En dez meses de xestión, entre maio e decembro de 2009, foron atendidas as demandas de 1.597 grandes dependentes en Lugo, mentres que nos dous anos de bipartito atendéronse 1.827”, afirmou.
“O goberno galego –engadiu- sitúase nunha proporción de cobertura de 2 de cada 3 persoas con dereito á prestación”. Con respecto a este dato, asegurou que “a ratio que recibiu do bipartito era de 1 de cada 4”.
Arias incidiu en que a aplicación desta norma en Galicia presenta máis dificultades que noutras comunidades autónomas, dado o alto índice de envellecemento da nosa poboación, “e padecemos ademais o inconveniente da escasa contribución por parte do Estado, que en termos xerais está arredor do 30% cando debía achegar o 50% do investimento”.
A delegada territorial considera que as actuación da Xunta en materia de dependencia “confirman a intención do goberno de Feijóo de estender a cobertura dos servizos e axudas sociais a todo aquel que o necesite, especialmente neste contexto de crise económica que menoscaba a economía das familias”.
Os 1.834 expedientes correspondentes aos atrasos veñen de ser abonados entre xaneiro e febreiro, número que se irá integrando gradualmente no sistema nos próximos meses, a medida que os usuarios se vaian dando de alta. Estas persoas, sumaranse así ás máis de 5.000 atendidas coas que a delegación territorial pechou o ano 2009.
A delegada valorou o resultado deste plan especial de pago de atrasos ás persoas dependentes executado pola Consellería de Traballo e Benestar nos dous últimos meses. “Resultaba de todo punto necesaria unha actuación deste tipo: Unha resposta eficiente ante a cantidade de demandas que se acumularan”, destacou, ao tempo que lembrou que moitas destas persoas levaban máis dun ano esperando por esta axuda.
Explicou que o plan especial requiriu “un plus orzamentario -co investimento deses 10,12 millóns de euros-, pero tamén un inmenso traballo de xestión que recaeu sobre os funcionarios e demais persoal do Servizo de Dependencia desta Delegación Territorial, que traballaron arreo, incluídas tardes e fins de semana, para tramitar todos os expedientes”.
Co fin de cumprir cos prazos e actualizar a tramitación dos procedementos, o cadro de persoal do servizo foi reforzado con 11 persoas máis, 5 traballadores temporais e seis interinos dedicados a valorar o grao de dependencia caso por caso.
Arias felicitouse polos avances logrados, por considerar que “o retraso na aplicación da lei provocaba o desánimo entre os posibles usuarios, e a frustración das lexítimas expectativas creadas por unha norma tan ambiciosa na súa formulación como estancada no seu desenvolvemento”.
Entende que, no futuro, a nova ferramenta informática resultará moi eficaz, xa que ademais de simplificar os procedementos, será accesible aos concellos, polo que os traballadores sociais poderán consultar algúns datos dos expedientes tramitados e transmitir esa información aos seus usuarios.
A redución dos tempos de tramitación en case a metade –de 12 a 6 meses- e o novo decreto que regula o dereito á prestación dos dependentes falecidos durante a tramitación, foron outros dos aspectos positivos destacados pola delegada territorial.




















Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continou con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.



