RIBADEO (FNC) .- Esta fin de semana, días 1 e 2 de maio, terá lugar no Auditorio Municipal Hernán Naval de Ribadeo a segunda edición do Certame de Intérpretes Mozos “Hernán Naval”. Esta iniciativa musical está organizada pola Asociación Cultural Musiqueando coa colaboración da Concellaría de Cultura do Excmo. Concello de Ribadeo, a Vicepresidencia Primeira da Excma. Deputación Provincial de Lugo, a Asociación Amadores da Música e máis a Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo. O certame, organizado en homenaxe á figura de Hernán Naval, director da escola de música e máis da banda de Ribadeo, quere proporcionar ás mozas e mozos que se adican ao mundo da música un espazo no que amosar os seus coñecementos. Ao mesmo tempo procúrase manter vivo o compromiso de Hernán Naval coa xente nova que decide facer carreira no eido musical.
A organización do certame mostrou a súa satisfacción “polo elevado número de solicitudes recibidas para participar no certame”. Segundo sinalou Suso López, presidente da Asociación Cultural Musiqueando, “na categoría profesional cubríronse as dez prazas que se ofertaban, tendo incluso que deixar xente en lista de agarda. No caso do grao superior alcanzamos as oito solicitudes de dez previstas, unha cifra que nos permite estar moi satisfeitos co traballo de promoción e difusión feito antes do certame. Agora cómpre demostrar durante a realización dos concertos que estamos diante dun evento cultural que se vai consolidando pouquiño a pouco e que ten viabilidade de seguir desenvolvéndose cara o futuro, sobre todo co decidido apoio co que contamos tanto a nivel administrativo como tamén asociativo, a través de Amadores da Música”.
As mozas e mozos participantes chegan dende diferentes lugares de Galicia, incluida a comarca da Mariña, así coma o Occidente de Asturias, e aumenta o número de especialidades presentes, dende o violín á frauta, o piano, a percusión, a trompa ou o saxofón, entre outras.
A composición do xurado, formado por tres persoas, darase a coñecer no acto de recepción oficial ás e aos participantes que se vai celebrar o vindeiro sábado, día 1 de maio, ás 13.00 horas, na Casa do Concello de Ribadeo.
Programa de concertos
Será unha fin de semana intensa, tanto para as e os participantes no certame como tamén para o público que desexe acudir ás actuacións, todas elas de libre acceso, no Auditorio Municipal “Hernán Naval”. As semifinais do certame comezarán o sábado, día 1, ás 17.00 horas coa actuación das mozas e mozos de grao profesional e continuarán ás 19.00 horas coa quenda das e dos de grao superior. Unha vez rematas as actuacións de cada unha das categorías o xurado procederá á deliberación e máis á proclamación dos cinco finalistas de cada unha das categorías a concurso. As e os seleccionados para pasar á final actuarán, tamén no Auditorio Municipal Hernán Naval de Ribadeo, na tarde do domingo. Ás 18.00 horas iniciaranse as actuacións da categoría profesional e unha hora despois, ás 19.00 horas, as de grao superior. Durante a final, o xurado escoitará a todas as mozas e mozos participantes, tanto nunha categoría coma noutra, antes de emitir o seu veredicto. Durante a súa deliberación actuará o grupo de danza da Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo, dirixido por María Justo.
Unha vez rematada a actuación darase a coñecer o nome das persoas gañadoras da II edición do Certame de Intérpretes Mozos “Hernán Naval” de Ribadeo. Suso López fixo un chamamento “a todas aquelas persoas aficionadas á música e a cultura a pasar polo Auditorio Municipal para disfrutar de dúas tardes de moi boa música, cun amplo abano tanto de especialidades instrumentais coma de obras para interpretar, así como co nivel das e dos profesionais presentes, que consideramos extraordinario”.
A segunda edición do Certame de Intérpretes Mozos “Hernán Naval” de Ribadeo repartirá un total de 1.700 euros en premios.






















A mostra sobre Mimina, que repasa a súa traxectoria vital e artística e o seu papel esencial na creación de Sargadelos como empresa cultural, amplía o seu período de apertura até o 12 de agosto grazas á cesión das instalacións por parte do Concello de Cervo. A exposición poderá visitarse todos os días de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00, e tamén se poden concertar visitas noutros horarios ou para grupos chamando ao 636020514 (Lucía).
Durante tres días desfrutan dun programa intenso de actividades na natureza: montaxe e desmontaxe do campamento, surf en Esteiro, tiro con arco, xincana e diversos xogos. A iniciativa está promovida polas Concellerías de Xuventude e Deporte xunto coa Oficina de Información Xuvenil.
Olimpia López, supervisou hoxe en Cospeito un control da campaña de velocidade da DGT, que busca previr sinistros nun verán de maior tráfico. Lembrou que a velocidade inadecuada está presente no 22 % dos accidentes mortais e apelou á responsabilidade dos condutores: cada km/h conta para salvar vidas.
No Campo de Fútbol de As Valgas poderanse ver desde as 21.30 horas as actuacións de Netos de Bandim, chegados desde Guinea Bissau; da Philippine Performing Arts Company, das Filipinas; e do grupo anfitrión O Arco da Vella. Un encontro único de culturas, ritmos e emocións que promete unha noite inesquecible.
Estiveron acompañados polas técnicas de xuventude Mónica López Sanjurjo e Silvia Rodríguez Barreiro, para gozar das diferentes piscinas e tobogáns deste parque acuático. A viaxe estivo organizada polas Concellerías de Xuventude e Deporte e pola Oficina de Información Xuvenil dentro do programa Verán a Tope en Xove 2026.
O prólogo é da profesora de Debuxo Camino Casabella Pumares, artista con raíces no Alfoz do Castrodouro, que participará na presentación xunto ao presidente do colectivo. Cinco dos pintores estarán presentes no acto, xa que Alaxe faleceu hai tres anos. A portada do caderno é obra do ilustrador Xosé Blanco. O evento celebrarase o sábado 8 de agosto ás 20:00 horas no castelo do Castrodouro, en Alfoz do Castrodouro.
O evento, organizado pola Asociación Cultural Xuvenil O Castelo reuniu a numerosos veciños e visitantes e celebrouse durante catro días. A programación incluíu actuacións musicais, actos relixiosos, xogos tradicionais e unha comitiva da camións, coches e motocicletas que percorreron todas as parroquias deste concello mariñán.



