NOTA DE PRENSA
As traídas particulares e os Concellos excluídos da zona terán que pagar o tributo autonómico
A Xunta proxecta subir o canón da auga nun 180% para particulares e negocios na Mariña.
O Bloque Nacionalista Galego ven de denunciar o Proxecto de Lei de Augas de Galiza que aprobou o Consello da Xunta do 27 de maio de 2010 e que remitiu xa para a súa tramitación parlamentar e que vai significar a substitución do actual canón de saneamento que ate agora se viña cobrando co recibo da auga, por outros dous tributos, o canon da auga (ca) e o coeficiente de vertido (cv). Segundo denunciou Antonio Veiga “se ben o coeficiente de vertido non vai ser de aplicación na Mariña, posto que non hai depuradoras que sexan dependentes da Xunta, a aprobación do novo canon da auga vai significar un aumento na tarifa de ate o 180%, vai establecer un tributo para concellos que até agora non pagaban o canon do saneamento, aumenta de xeito considerábel o prezo da mesma para os negocios e vai gravar as traídas particulares das que se seguen abastecendo moitos veciños da zona”.
Os nacionalistas critican que o novo canón grava particularmente a familias e pequenos negocios na medida que modifica as bases de calculo que anteriormente se establecían para fixar o canón de saneamento. Neste sentido Veiga recordou que “co modelo en vigor o canón a pagar a administración autonómica calculábase de multiplicar por 0,209 os metros cúbicos de auga consumido, unha vez aprobada a lei establece unha cota fixa de 1,50 euros que se suma ao que resulte de multiplicar o consume por 0,00, 0,28 e 0,36 atendendo aos tres tramos de consumo que establece a norma en debate”. Os nacionalistas, a modo de exemplo, indicaron que se o consumo medio dunha familia en Galiza é de 14 metros cúbicos, de canón de saneamento teñen que pagar 2,92 euros/mes (14X0,209) e co canón da auga pasaran a 3,90euros/mes(1,5+6X0,00+6X0,28+2X0,36).Mesmamente unha vivenda que este fechada, e polo tanto non consuma auga, terá que pagar agora canón da auga, cando estaba exento do canon de saneamento, tributando por este concepto 18 euros.
Na mesma liña desde o BNG criticaron que as maiores subidas afectan ao consumo doméstico sendo particularmente grave que as traídas particulares construídas e xestionadas polos veciños e que dan servizos a varias vivendas, a día de hoxe exentas do pago da auga, terán que pagar este tributo a pesar de que non reciben ningunha prestación e/ou axuda para o mantemento do mesmo. A maiores as persoas que se atopen nesta situación veranse obrigadas a dotar ás súas costas a vivenda dun contador individual homologado. Veiga que considerou de “escándalo maiúsculo o que se pretende facer cos veciños nesta situación, criticou tamén que aqueles veciños que estaban exentos de pagar o canon do saneamento, isto é aquelas que foran excluídos na Lei de 1993 para núcleos de poboación de 500 persoas”. Segundo o BNG os veciños de Concello como Riotorto, Trabada, Ourol, Muras que estaban excluídos deste tributo na súa totalidade terán agora que proceder a pagalo.
O Bloque Nacionalista Galego denunciou tamén que se reduce dos 3000 aos 2000 metros cúbicos/ano de auga consumida como tope para definir os usos non domésticos o que vai provocar un grande impacto en comercios, hostalería, perruquerías…provocando subas de case o 180% en relación coa tributación actual. Así un negocio que antes paga de canon de saneamento por un consumo ao mes de 200 metros cúbicos 41,80(200X0,209) co canón da auga pasaría a pagar 86,70 ao mes(2,50 + 200X0,42).
Xa por últimos os nacionalistas fixeron un chamamento aos veciños da Comarca a que presenten as reclamacións oportunas antes do 4 de Setembro, prazo no que remata a presentación de emendas ao proxecto de lei, solicitando tamén dos Concellos posicionamentos contra a mesma. Nesta liña Veiga afirmou que “o proxecto de Lei ten como único obxectivo incrementar a capacidade recadatoria da Xunta de Galiza a través da suba do canon da auga e o coeficiente de vertido dun xeito brutal e desproporcionado, recaendo a suba fundamentalmente nos usuarios domésticos e asimilábeis, é dicir, naqueles usos que forman parte dun servizo básico á poboación. Este é o tema realmente importante do proxecto de lei, e a única razón de que se faga esta modificación da lexislación, o único obxectivo é subir a recadación do canon, tratándose dunha suba moi importante da imposición indirecta da Xunta de Galiza”


















Durante esas xornadas realizaranse estudos xeotécnicos imprescindibles para planificar correctamente as actuacións previstas, o que require que a maquinaria e o persoal traballen directamente sobre a infraestrutura, impedindo o paso de vehículos. Recoméndase ás persoas usuarias empregar rutas alternativas durante o corte, que só permitirá o acceso ás dúas vivendas situadas na Barxa. O Concello pide desculpas polas molestias e agradece a colaboración da veciñanza.
Afirman que os accesos ao Campo da Festa resultan moi dificultosos, especialmente para persoas con carriños de nenos ou cadeiras de rodas. Critican que a obra se trasladase a esta zona xusto antes das festas, deixando outros tramos a medio facer e sen ter en conta as necesidades dun barrio que consideran “marxinado”. Sinalan tamén á alcaldesa como responsable de evitar esta situación. A veciñanza esixe un arranxo inmediato do acceso, aínda que sexa provisional, e a instalación dunha sinal luminosa na alambrada situada ao final da obra.
A actividade, dirixida pola especialista Nuria Torrado, ofreceu ás crianzas un espazo para desfrutar, moverse, xogar e aprender a conectar co seu corpo e coa respiración mediante exercicios e dinámicas adaptadas ás súas idades. No último día, a rexedora Dolores García Caramés achegouse para compartir un anaco cos participantes, escoitar as súas impresións e agradecer o traballo da monitora, incluso sumándose a algunhas das actividades. A proposta pecha cun moi bo sabor de boca, como unha experiencia para aprender, divertirse e medrar en movemento.
Ao longo destas semanas, arredor de 20 nenos e nenas iniciáronse e melloraron as súas habilidades neste deporte, desfrutando do exercicio, aprendendo e pasándoo en grande. O Concello agradece a participación da rapazada e o apoio das familias, e reafirma a súa aposta polo deporte e por ofrecer alternativas de ocio activo para os máis pequenos. A actividade estivo organizada polas Concellerías de Xuventude e Deporte e pola Oficina de Información Xuvenil.
A actuación estará a cargo da Coral Polifónica de Ribadeo coa colaboración do Coro Sagrado Corazón. A entrada solidaria ten un prezo de 6 euros e poderá adquirirse na billeteira do teatro o mesmo día, en horario de 12:00 a 13:30 e desde as 19:00 horas. O evento conta coa colaboración da AECC Lugo, o Concello de Ribadeo e o espazo cultural Castillo San Damian.
Trátase dun espazo seguro, educativo e dinámico, no que os máis pequenos poden comezar o día antes da entrada ás aulas. As solicitudes poden presentarse no Concello de Cervo ou na Casa da Cultura, e o servizo comezará o 9 de setembro. Cervo Madruga, un programa pensado para seguir apoiando ás familias do municipio.
Unha xornada de convivencia que comezará ás 11:30 h na Alameda, con misa de campaña, sesión vermú, comida, sorteo e festa ata as 19:00 h. A principal novidade é o menú con paella, sobremesa, bebida e café. Para participar é preciso vale: 7 € para persoas empadroadas e 10 € para non empadroadas e acompañantes, dispoñible nas oficinas municipais, onde tamén se pode solicitar transporte. Senllos concellos animan á veciñanza maior a sumarse a esta cita de encontro e recoñecemento.



